O BNG insta ao SERGAS a adoptar un protocolo de actuación anti-suicidios no hospital de Lugo

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado denuncia o “fracaso” tanto na prevención como na atención posterior á familia de Irene Agrelo que, aínda hoxe, segue sen recibir unha explicación por parte da dirección do centro hospitalario

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, defendeu na Cámara unha batería de propostas, incluíndo un protocolo de actuación, para evitar que no HULA volvan darse situacións tráxicas como o suicidio de Irene Agrelo o pasado 12 de maio, no que fallou tanto a cadea de prevención e detención como a posterior de atención á familia.

En primeiro lugar, a deputada nacionalista demanda que a dirección do HULA facilite á familia da falecida información veraz e coidadosa de todo o acontecido, atención e a reparación oportuna, “o que resulta inaudito é que, máis de un mes despois do seu pasamento, aínda haxa que reclamar unha cuestión que tería que estar máis que cumprida por mera cuestión de respecto e humanidade”, indicou.

En segundo lugar, o Bloque propuxo utilizar este tráxico caso como evento centinela para obter a información e o coñecemento que permita adoptar as accións necesarias para evitar que se repita.

“Dotar ao hospital dun programa de prevención no que se especifiquen actuacións para a humanización da institución e de coidado psicolóxico ás persoas ingresadas nos diferentes servizos, protocolos de actuación nos mesmos e accións de sensibilización, información e formación do persoal sanitario”, propuxo tamén a portavoz de sanidade.

Finalmente, dotar cos profesionais necesarios os dispositivos de atención psiquiátrica e de psicoloxía clínica do HULA, para garantir as atencións especializadas ás que teñen dereito as persoas ingresadas en todos os servizos do Hospital. Neste sentido, tamén propuxo na Cámara que o responsable de atención á saúde mental presente unha estimación da dotación adecuada para proporcionar unha atención sanitaria  a súa poboación de referencia.

O caso que motivou a iniciativa do BNG, vetada polo PP, “evidencia o fracaso en todas as dimensións de prevención, detención e de atención á familia, que a día de hoxe segue agardando unha explicación e non se lle facilitou. Este caso exemplifica todo o que non se debe facer e os fallos en toda a cadea, non hai plan de prevención do suicidio e non funcionou tampouco a comunicación aos familiares, e non se aplicou ningún tipo de protocolo de prevención, tras o ingreso da falecida pese a que a súa familia advertiu do nerviosismo e ansiedade da doente”, concluíu Prado, instando ao SERGAS a actuar para evitar que se repita unha situación como a do HULA.

 

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG