BNG insiste en que a AP-9 debe ser libre de peaxe

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego lembra que existe un informe da Unión Europea que declara ilegais as prórrogas realizadas, de 10 anos por un Goberno de Felipe González e de 25 por outro de Aznar, polo que a AP-9 debería ter finalizado a concesión en 2013

“A suba de 4% continúa a ser inaceptábel. O que correspondería sería conxelar as portaxes, tal e como fai a SEITT nas autoestradas que xestiona na contorna de Madrid

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe rematar coa discriminación e o agravio coa Galiza en materia de infraestruturas e reclama ao Goberno do Estado a paralización da suba de 4% das portaxes da AP-9 e a AP-53, a autoestrada que conecta Dozón con Santiago. Para alén do máis, o BNG reclama finalizar a concesión e liberar de peaxe a AP-9 por existir un informe da Unión Europea que declara ilegais as prórrogas concedidas de 10 e 25 anos por gobernos do Estado de PSOE e PP.

Néstor Rego lembra que as persoas usuarias habituais da AP-9 teñen hoxe as peaxes a metade de prezo grazas aos descontos negociados polo BNG. Con todo, considera inadmisíbel a  nova suba das portaxes da AP-9 e da AP-53. Particularmente, nunha autoestrada como a do Atlántico que debería ter fanalizada a concesión en 2013. O deputado do BNG lembra a existencia dun informe da Unión Europea que declara ilegais as prórrogas concedidas: de 10 anos por un Goberno de Felipe González, do PSOE, e de 25 anos por outro de Goberno de Aznar, do Partido Popular. “Hoxe a AP-9 debería ser unha autoestrada libre de peaxe como o son todas as autoestradas do Estado español da súa época que finalizaron a concesión aos 40 anos” reclama Rego.

Hai que lembrar que a formación nacionalista xa rexistrara iniciativas reclamando ao Goberno do Estado que impedise a suba das peaxes demandada pola concesionaria. De facto, Rego destaca que, tal e como está comprometido, o Goberno do Estado debería como mínimo asumir a suba de 1% correspondente aos convenios de 2011 e 2013 polas obras realizadas.

“Resulta inaceptábel e unha discriminación para o noso País que se prorroguen a concesión e as portaxes até o ano 2048. Unha carga para todos os usuarios e usuarias e, mesmo, unha carga tamén para as empresas estabelecidas no Eixo Atlántico que ven minguar a súa competitividade polos custos que supón en materia loxística” denuncia o deputado do BNG.

O Bloque Nacionalista Galego continúa a reclamar que se poña fin á concesión e que a vía de comunicación do Atlántico pase a ser unha autoestrada “libre de peaxe” e rexeita a suba de 4%. “Por moito que sexa a metade da reclamada por AUDASA, segue sendo unha auténtica barbaridade nun contexto de crise social e económica e, mesmo, un agravio comparativo co que o propio Estado –a través da Sociedade Estatal de Infraestruturas de Trasporte Terrestre (SEITT)- fai con autoestradas que xestiona na contorna de Madrid, en que as portaxes levan conxeladas desde 2018” indica.

O deputado nacionalista urxe o Goberno do Estado a cumprir os compromisos adquiridos, rematar con esta discriminación que sofre a Galiza e “conxelar as peaxes da AP-53 e liberar de portaxes a AP-9, pondo fin á concesión da autoestrada do Atlántico”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG