O BNG remitirá un escrito á Mesa do Parlamento para impugnar a decisión de volver nomear aos tres representantes da Cámara galega encargados de defender no Congreso a Lei de transferencia da titularidade e competencias da AP-9, adoptada hoxe pola Xunta de portavoces.
A formación nacionalista alega unha batería de argumentos contra esta decisión.
En primeiro lugar: Os representantes do Parlamento para defender a Lei da AP-9 no Congreso xa foron designados pola Cámara o 15 de marzo de 2016, momento no que quedou aprobada o texto lexislativo. En base a ese acordo unánime, as persoas encargadas de defender a posición de Galiza eran Jesús Antonio Goldar polo PP; Raúl Fernández; polo PSOE e Ana Pontón, polo BNG, nomeamentos que foron comunicados á Mesa do cámara baixa ese mesmo día en escrito remitido polo presidente Miguel Santalices.
Nada hai no regulamento da Cámara galega que obrigue a remover estes nomeamentos para designar outros novos.
Hai que ter en conta que o Parlamento ten aprobadas tres leis reclamando a transferencia da AP9. A primeira delas de 2016 é a que en breve será debatida no Congreso despois de que o Goberno de Sánchez mudase o criterio respecto á tramitación da lei presentada por Galiza, antes vetada polo Goberno de Raxoi. Precisamente, en aras de sortear eses vetos do PP e para evitar que quedase esquecida no caixón, aprobáronse outros dous textos, en 2017 e en 2018.
Como segundo argumento, o BNG impugnará a decisión da Xunta de Portavoces posto que o asunto no figuraba na orde do día, nin sequera en asuntos pendentes. Por contra, os únicos nomeamentos pendentes relacionados coa Lei da AP9 corresponden ao texto aprobado en 2018.
En terceiro lugar: A formación nacionalista alega que o texto lexislativo de 2016 foi promovido e redactado pola actual portavoz parlamentaria, Ana Pontón, polo que sería un sen sentido que o grupo impulsor da iniciativa lexislativa quedase excluído da súa defensa no Congreso.
O Bloque xa ten proposto levar a cabo unha modificación do regulamento da Cámara para garantir que o grupo parlamentario que promove unha determinada iniciativa lexislativa forme sempre parte da delegación que despois deba defender ese texto no Congreso.