No transcurso dunha pregunta parlamentaria ao goberno sobre os bens que forman parte do patrimonio dos Franco de maneira irregular ou ilícita, o deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará reiterou que “Galiza non pagará dúas veces polo que lle foi roubado; deben pagar os herdeiros do ditador”.
Dende o BNG, recalcou o nacionalista consideramos que “a Xunta e o goberno central deben recorrer a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, ante o Supremo en casación para defender a verdade, a xustiza, a dignidade colectiva e a memoria das vítimas”. A Xunta debe presentar o recurso en coherencia co acordo unánime no Parlamento do mes de setembro para “recuperar o Pazo de Meirás sen custo para as arcas públicas”.
Uns quedan co pazo e outros coa pasta
O deputado cualificou a sentenza de “solución de conveniencia” que podería, na súa opinión, ir acompañada dun “pacto implícito” entre a Xunta, goberno central e familia Franco para que “uns queden co Pazo de Meirás e outros coa pasta”.
Para o deputado, a sentenza da Audiencia provincial da Coruña deprende “un insoportable tufo franquista” e máis alá das valoracións xurídicas, o BNG considera que contén valoracións “ideolóxicas e sesgadas “ que mudan a verdade do relato histórico.
Bará lembrou que a sentenza recolle que “el apelativo de caudillo se le aplicaba a él y a nadie más y se le presenta como el enviado de Dios, mensajero divino no puede ser el Estado ni la administración General del Estado, es una persona física”. este é o nivel, dixo o deputado nacionalista da argumentación xurídica dos maxistrados da Audiencia provincial.
Esta argumentación é utilizada para demostrar que Francisco Franco era o posuidor do Pazo de Meirás a titulo individual e non polo seu cargo de xefe do Estado. Dende o BNG, recalcou Bará, “non podemos aceptar unha sentenza con este tipo de argumentos” ademais de ser unha sentenza que establece que non foi posuidor de mala fe e declara que os herdeiros son de boa fe, algo que para nós é “admisible e recorrible” xa que supón que hai que indemnizar á familia Franco polos gastos dende o ano 1975 a pesar de que o Estado continuou asumindo os gastos até finais dos anos 80 e a familia Franco son “herdeiros dende o ano 2017”.
O deputado reiterou que os que teñen que pagar e render contas son os Franco por todo “o roubado” nun espolio continuado e coa participación de todo o entramado do estado, con “coaccións, extorsión, chantaxes, terror e recursos públicos”.
Se Xunta e goberno do Estado non presentan recurso darán por boa a sentencia
Ademais, a familia Franco, engadiu Bará “fixo negocios con estes bens durante décadas”. A Deputación da Coruña, o concello de Sada e o concello da Coruña acaban de anunciar a presentación dun recurso ante o Supremo. “Se a Xunta e o goberno central non presentan un recurso darán por boa a sentenza”.
O parlamentario reclamou “un inventario das propiedades” para determinar aos seus lexítimo propietario e explicou que se no ano 2019 , o PP non rexeitara a proposta do BNG para elaborar este inventario, a estas alturas saberiamos que vai pasar coas esculturas do Mestre Mateo, a Casa Cornide, ou as Pías de Moraime e por iso volvemos a propoñelo agora, concluíu.