Parlamento Galego

O BNG exixe á Xunta que garanta a protección do Persoal Técnico de Emerxencias Sanitarias fronte á COVID19

Montserrat Prado
Montserrat Prado
Montse Prado reclama tests e equipos protectores para os e as profesionais e inspeccións ás empresas, nalgúns casos mesmo con EPIS deficientes

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para reclamar á Xunta que tome as medidas precisas para garantir a protección do Persoal Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES), tanto do servizo urxente como do programado, fronte aos riscos de contaxio por COVID19.

Neste sentido, Prado demanda a realización obrigatoria de test de detección do virus, ben a través de PCR, de determinación de antíxenos polo método pooling ou por calquera outro que se estableza de eficiencia análoga, cunha periodicidade non inferior a 15 días. De igual xeito, pide a dotación do persoal TES con equipos de protección individual que reúnan as características técnicas necesarias, en cantidade suficiente, da talla axeitada e coas debidas condicións hixiénicas, así como a realización das correspondentes inspeccións para verificar o cumprimento das medidas de protección por parte das empresas concesionarias do Servizo de Transporte Sanitario Terrestre.

A deputada nacionalista lembra o último caso rexistrado nun centro de traballo do 061 no que, segundo subliña, “a carencia na realización das probas de detección obrigou a todo o centro a permanecer en illamento ao se identificar varios contaxios entre o seu persoal”. Nesta liña, subliña que “a nula intervención en materia de vixilancia da saúde por parte da empresa concesionaria, provocou que todos os traballadores e traballadoras tivesen que acudir pola súa conta ao servizo de Atención Primaria para que lles solicitasen as probas e lles fixesen o seguimento necesario”.  

Prado fai fincapé en que o persoal TES presta asistencia en lugares de alto risco de contaxio como fogares particulares, que mantén un contacto íntimo e moi estreito coas e cos doentes e que realiza “técnicas de osixenoterapia e reanimación que implican manipular a vía aérea e xerar aerosois cunha gran carga viral na cabina asistencial das ambulancias”.

De igual xeito, advirte de que as empresas concesionarias non dispoñen actualmente dos Equipo de Protección Individual que entrega o Sergas ao persoal que traballa nas áreas COVID e urxencias dos hospitais públicos. “De feito -conclúe- estas empresas acumulan reclamacións e denuncias en Inspección de Traballo por entregar EPIs que non reúnen as características técnicas necesarias, en cantidade suficiente, sen a talla axeitada, e sen as mínimas condicións hixiénicas”.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG