Congreso

O BNG exixe a redución do IVE nas máscaras para que teñan un prezo asequíbel a toda a cidadanía

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego propón incluír estes métodos de protección sanitarios dentro dos produtos cubertos pola Seguridade Social para así garantir o acceso universal a eles, sobre todo, para aqueles sectores da poboación con maiores dificultades económicas.

O deputado Néstor Rego vén de exixir no Congreso a redución do IVE aplicábel ás máscaras e outros métodos de protección de uso obrigatorio entre a poboación e así garantir o acceso da cidadanía aos eles para asegurar a saúde das persoas e evitar rebrotes de contaxios por COVID-19.

Entre as medidas urxentes para salvar esta crise sanitaria o goberno acordou no seu día a redución do IVE nas entregas de bens, importacións e adquisicións intracomunitarias de material sanitario cuxos destinatarios sexan clínicas ou centros hospitalarios. No entanto, incomprensibelmente esa medida non se aplicou á venda destes produtos polo miúdo a particulares.

Rego explica que esta redución temporal do tipo do IVE a 0% tamén se debe aplicar ás operacións de compravenda destes materiais básicos de protección para a cidadanía xa que, ademais, agora son obrigatorios para toda a poboación. “Cando un cidadán ou cidadá adquire calquera destes produtos debe pagar 21% de IVE e non nos parece adecuado aplicar o tipo de IVE máis alto a un ben de primeira necesidade e de uso obrigatorio” subliña.

Aliás, o BNG propón incluír estes métodos de protección sanitarios dentro dos produtos cubertos pola Seguridade Social para así garantir o acceso universal a eles, sobre todo para aqueles sectores da poboación con maiores dificultades económicas.

Os nacionalistas denuncian que o custo das máscaras nunha familia pode ser moi alto e pode resultar case inasumíbel para familias que precisamente pola COVID-19 ou mesmo xa desde antes da crise, atravesaran unha situación económica delicada. “É por iso que é necesario que o Goberno reduza o tipo de IVE sobre estes produtos sanitarios básicos e que, inclusive se estabeleza a posibilidade de que puidesen ser cubertos pola Seguridade Social, cando menos, no caso de persoas con dificultades económicas para poderen asumir a súa adquisición” explica Néstor Rego. 

O BNG pide garantir que todas as persoas teñan acceso de forma universal aos medios de protección, pois é claramente unha cuestión de saúde pública para asegurar a saúde e evitar a posibilidade de rebrotes de contaxios futuros.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG