A deputada do BNG, Olalla Rodil interpelou á conselleira de Medio Ambiente, Álgeles Vázquez ante os efectos provocados polas fábrica de Tableros Hispanos SLU sobre o territorio e saúde dos veciños e veciñas do Vilar de Nadela, (Lugo).
Tras saudar aos veciños e veciñas do Vilar que asistiron ao debate na Cámara galega e viven a escasos metros da fábrica situada ás aforas da cidade de Lugo, Rodil explicou que o fume pola actividade da fábrica resulta “insoportable” de aí que a veciñanza leve anos reclamando, tanto aos responsables da fábrica como ás institucións “medidas contra os efectos do fume” e o picor persistente en ollos e gorxa.
Ante a gravidade da situación, a nacionalista propuxo á titular de Medio Ambiente convocar aos veciños e veciñas afectadas, que a empresa “cumpra escrupulosamente a normativa vixente” e instalar unha estación permanente de medición do aire no lugar para non depender dos datos da estación de Meteogalicia en Fingoi que recolle os datos a 8 quilómetros da fabrica de Tableros, “onde non existe problema de fume”.
Por outra parte, a deputada do BNG engadiu que a contaminación do aire non é a única irregularidade cometida pola empresa xa que foi tamén sancionada por “vulnerar a lei de xestión de residuos perigosos” e vertendo augas residuais “sen autorización de vertidos da Confederación Hidrográfica”.
Medio Ambiente recoñece que a empresa non cumpre a lei
Tras a intervención da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez que recoñeceu os problemas derivados da actividade da fábrica e os efectos negativos sobre os veciños e veciñas de Vilar, a nacionalista replicou que a Organización Mundial da Saúde fixa un máximo de partículas PM10 en 20 microgramos por m³, sen embargo, as análises elaboradas pola Xunta baséanse en dúas mostras aleatorias durante un día en 2020 e outro en 2021 e aínda que o límite diario establécese en 50 microgramos por m³, o datos reflectidos en Vilar sitúanse en 45, é dicir, “máis do dobre” recomendado pola OMS.
Na quenda de resposta á deputada do BNG, a conselleira tamén recoñeceu as queixas dos veciños e veciñas referidas a ruídos e emisións e lembrou que empresa xa foi sancionada en tres ocasións por acopio de material fóra de lugar e por un punto de vertido contaminante. Ánxeles Vázquez anunciou que a empresa debe contar cunha estación para medir os datos sobre a calidade do aire nun prazo até finais do ano 23. Nesta liña, Rodil apremiou á conselleira a tomar medidas urxentes ao respecto porque os veciños e veciñas non poden seguir agardando por unhas medicións a finais do ano 2023, “deben facerse en tempo real”. Demanda sobre a que a conselleira declinou pronunciarse.
Rodil concluíu a súa intervención recalcando que “ningunha empresa pode estar por riba da lei” e esta empresa, como vostede mesmo recoñeceu, é “unha habitual incumprindo a xestión de residuos perigosos ou vertidos contaminantes”. Dende o BNG pedimos “celeridade e premura” para que os veciños e veciñas do Vilar poidan vivir nas súas casas