O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno explique os motivos polos que se está a producir un novo retraso no estudo do baipás de Betanzos. Do mesmo xeito, a organización nacionalista demanda analizar todas as consecuencias que producirá este novo adiamento, o calendario que manexa o Ministerio para o remate do estudo e a posterior adxudicación e execución das obras e o compromiso do Goberno para impulsar esta infraestrutura.
En febreiro o Ministerio de Transportes anunciaba que o estudo do baipás de Betanzos entraba na súa fase final de planificación após cinco anos de desenvolvemento. O documento, adxudicado en 2019, estaba sendo ultimado a través da súa redacción “antes de ser aprobado, exposto e licitado” mais o Goberno do Estado evitaba dar prazos para as obras e o delegado do Goberno, a comezos de mes, anunciaba novos avances.
Con todo, agora o Ministerio anuncia que o estudo debe modificarse “por axustes normativos” e “revisar os datos de rendibilidade socioeconómica a data actual”. Isto supón, segundo denuncia o deputado do BNG no Congreso, un novo retraso para a modernización da liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol.
“Non pode entenderse que nun proxecto que leva en tramitación durante 5 anos, non se adaptase xa durante a elaboración á normativa vixente, aínda que esta entrase en vigor despois da adxudicación” critica Rego. Segundo a frente nacionalista, o Ministerio debe explicar por que sofre un novo retraso un proxecto adxudicado hai case 5 anos e que contaba cun prazo de execución inicial de dous anos. “E, para máis inri, dáselle á mesma empresa un novo prazo de tres meses máis para a revisión” subliña.
Así mesmo, o Ministerio de Transportes tamén fai referencia á necesidade de “axuste dos datos de rendibilidade socioeconómica a data actual” o que, sinal Rego, tampouco se comprende que non se fixese xa en tempo e forma. Neste sentido, o deputado do BNG pide información sobre a data dos anteriores datos de rendibilidade e as consecuencias que poderá ter esta revisión.
Para a organización nacionalista, o Goberno e, especificamente o Ministerio de Transportes, débese comprometer a impulsar esta infraestrutura e que non sufra ningún tipo de retraso a maiores. “Debe garantir que este novo prazo de tres meses non vai ser novamente retrasado ou adiado. O Ministerio debe entregarnos o calendario que manexa para que remate o estudo e a posterior adxudicación e execución da obras” sentenza Rego.