En resposta a unha pregunta do BNG, o Goberno español manifestou a súa falta de intención de cubrir a praza vacante do persoal médico no Instituto Social da Mariña de Corcubión. Neste sentido, o deputado Néstor Rego denuncia que os problemas de cobertura de vacantes nos centros locais do ISM, son bastante habituais e débense principalmente á falta de incentivos que potencien e garantan que se ocupen as prazas de carácter temporal ou en lugares máis afastados dos principais núcleos urbanos.
O pasado mes o BNG exixiu no Congreso que se cubrise a praza do persoal médico do Centro local do ISM de Corcubión, que se atopa neste momento vacante debido a unha baixa por enfermidade. O deputado nacionalista lembrou que o recoñecemento médico previo ao embarque é obrigatorio polo que, ao non prestar este servizo no ISM situado en Corcubión fai que os mariñeiros de toda a súa zona de influencia deban desprazarse á cidade da Coruña, “o que supón un gasto económico e a perda dun día de faena que non se lles compensa, pois a atención debe realizarse en horas de traballo”.
O BNG reclama a cobertura inmediata da praza médica reabrindo e pondo en funcionamento así a totalidade dos servizos que deben prestarse no centro local de Corcubión e o acceso aos mesmos de todas as persoas afectadas.
A formación nacionalista advirte de que o recorte de servizos oculta a verdadeira intención do ISM de pechar definitivamente o centro local de Corcubión e que isto sexa o precedente para pechar tamén outros centros locais, como o de Muros. Todo apunta a que se pretende centralizar na Coruña o recoñecemento médico ao que se deben someter todos os mariñeiros da Costa da Morte que queiran embarcar.
Néstor Rego destacou que “é necesario mellorar a cobertura de servizos básicos distribuídos por todo o territorio galego, polo que resulta incomprensíbel que se aposte por recortar os xa existentes. Se está é a intención do Goberno atoparanse coa firme oposición do BNG, pois estes serven para manter vivas as pequenas poboacións costeiras”.