BNG exixe axudas para a frota pesqueira galega que sofre os recortes de cota

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego demanda ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación elaborar e estabelecer un plan de axudas económicas -e reclamar á UE tamén medidas compensatorias- para paliar a situación da frota pesqueira galega afectada

A organización nacionalista denuncia as continuas restricións para o sector da pesca que provocarán graves consecuencias socioeconómicas para a Galiza

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas iniciativas para que o Goberno do Estado adopte todas as medidas de axuda precisas para a frota afectada polas cotas do xurelo e o paro biolóxico da pesca da anguía no ano vixente . A frente nacionalista demanda ao Goberno do Estado un “papel activo” para paliar a crise no sector da frota pesqueira, reclamando á UE medidas económicas e o aumento das cotas no xurelo a través do intercambio con outros países que non a consuman habitualmente.

A decisión do Consello de ministros de Pesca da Unión Europea sobre os Totais Admisíbeis de Capturas (TAC) para 2023 suporá, segundo explica a frente nacionalista e o propio sector, un duro golpe para segmentos “moi importantes da frota pesqueira galega”. No caso do xurelo -supondo un grave problema para a frota do cerco e, en menor medida para a do arrastre- a cota será de 3.271 toneladas e unicamente para a pesca accidental. No caso da anguía, pasa de 3 meses a seis meses o período de veda.

“Semella que o Ministro do Goberno español está contento porque a súa gran preocupación era a pesca no Mediterráneo mais a pesca galega quedou de novo nun segundo plano e debe saber que acadou un acordo insatisfactorio para a Galiza e a frota pesqueira galega” denuncia o deputado do BNG no Congreso. Para Néstor Rego, resultan “incomprensíbeis” as declaracións do Ministro de Pesca “sen ter en conta a alta dependencia da pesca na Galiza e o grao de afectación das medidas acordadas pola UE que están levando ao sector pesqueiro galego a unha situación límite”.

A frente nacionalista entende que estas decisións -as TAC acordadas, o veto en 87 caladoiros ou as sucesivas normativas que rexistren a actividade pesqueira- deben de ser atendidas polas administracións competentes. Neste caso, o Goberno do Estado debe adoptar todas as medidas de axuda á frota afectada polas costa de pesca para 2023 para paliar as graves consecuencias para o sector, a destacar a frota pesqueira galega.

“O Ministerio de Pesca do Estado español ten que reclamar á Unión Europea medidas económicas para a frota do cerco e á frota afectado pola ampliación do paro biolóxico da anguía” demanda Rego. Así mesmo, segundo detalla o deputado do BNG, o propio executivo estatal debe elaborar e poñer en marcha un plan de axudas económicas para as frotas galegas prexudicadas polas decisión do Consello de ministros de Pesca da UE.

“Amplas zonas costeiras do País, e a Galiza no seu conxunto, terán graves consecuencias socioeconómicas polas decisións que se toman a centos de quilómetros sen analizar os casos que levan cumprido a normativa europea desde hai máis de 10 anos” incide Rego. No concreto, subliña o deputado, a veda da anguía na desembocadura dos ríos en distintas rías galegas, principalmente na de Vigo, esténdese de tres meses a seis a pesar de que existen plans de xestión que leva anos en equilibrio.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG