Congreso

O BNG exixe ao PSOE o cumprimento íntegro do acordo de investidura

Sinatura Acordo
Sinatura Acordo
O BNG reclamou prazos concretos e unha metodoloxía clara e efectiva para a súa execución nos próximos meses.
No día de hoxe tivo lugar unha reunión no Congreso, no marco da Comisión de Seguimento do Acordo de Investidura subscrito entre o PSOE e o BNG a 3 de xaneiro de 2020. A delegación nacionalista, composta por Néstor Rego, Goretti Sanmartin e Rubén Cela, trasladoulle á delegación do PSOE, formada por Adriana Lastra, Rafael Simancas e Guillermo Meijón, a necesidade de marcar prazos concretos e unha metodoloxía clara e efectiva de cara a garantir a execución da totalidade do acordo nos vindeiros meses.

O BNG trasladou ao PSOE que van ser absolutamente exixentes no cumprimento íntegro das súas cláusulas. “Os acordos son para cumprir. Ningún galego ou galega entendería que despois de asinar este acordo, o PSOE non o executase. Somos conscientes de que a pandemia da covid-19 afectou todo. Porén, agora mesmo non hai escusa para avanzar en temas cruciais para Galiza, que xa foron acordados e que só dependen de ter vontade política para aplicalos”, sinalou Néstor Rego tras o encontro.

Nese sentido, a delegación do BNG fixo especial fincapé no inmediato cumprimento de acordos como o relacionado coa transferencia e gratuidade da AP-9, a solución efectiva aos conflitos de ALCOA, As Pontes e Meirama, así como na necesidade de que o estado cumpra coa achega do 50% da aplicación da Lei de Dependencia en Galiza e a solución á penalización da Facenda española sobre emigrantes retornados por mor das prestacións recibidas desde o estranxeiro, entre outros temas.

Estes asuntos centraron a maior parte da reunión, para alén do compromiso de convocar de maneira urxente -unha vez constituído o novo goberno galego- a Comisión Mixta de Transferencias Estado-Xunta de Galiza, co obxecto de que o goberno central poña a disposición da Xunta as competencias pendentes recollidas no Estatuto de Autonomía de Galiza, así como das transferencias que foron obxecto de consenso no Parlamento de Galiza con anterioridade.


RELACIONADO:

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG