O BNG estreita lazos coa emigración galega e as forzas de esquerda de Uruguai e Arxentina
Ana Pontón denuncia a falta de “estratexia” do Goberno galego coa emigración e anuncia iniciativas para salvar o Centro galego de Bos Aires, especialmente a protección para a habitación na que faleceu Castelao
Recen chegada da súa visita de Uruguai e Arxentina, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón fixo hoxe balance dos encontros coa diáspora e as forzas de esquerda de ambos países. Unha visita que permitiu, a xuízo de nacionalista, “afianzar os lazos do BNG coa emigración galega e as relación internacionais con forzas de esquerda e movementos sociais de América Latina” sobre todo nun momento, dixo, no que se está a producir un auxe da extrema dereita, a un lado e outro do Atlántico.
O BNG COMPROMÉTESE COA EMIGRACIÓN GALEGA
Neste sentido, a portavoz do BNG salientou a preocupación dalgúns sectores da emigración galega pola desprotección que están a vivir na súa vellez ao que sumou situacións de dependencia. Nesta liña, anunciou o seu compromiso de levar ao Parlamento galego medidas que impulsen a Lei de dependencia para a emigración galega.
Por outra parte, asegurou que é necesario para os emigrantes galegos e galegas manter os vínculos culturais e lingüísticos con Galiza e avanzou que o BNG presentará propostas para restituír o Lectorado da Universidade de Montevideo como figura fundamental para transmitir o galego fora das nosas fronteiras. O Centro de Galicia, explicou, trasladou ao BNG a falta de apoio económico da Xunta para o ensino da lingua e denunciou a “falta dunha estratexia clara de relación da Xunta coa emigración” máis ben, atopamos, dixo, “un enfoque tradicional e desfasado”. Na súa opinión, as sinerxías deben ser aproveitadas, tanto dende o punto de vista económico como cultural.
AÍNDA É POSIBLE SALVAR O CENTRO GALEGO DE BOS AIRES
Ana Pontón tamén se referiu a actual situación “agónica” do Centro galego de Bos Aires, produto de decisións equivocadas do Goberno de Mauricio Macri que conlevou o “desmantelamento do Hospital” coa conseguinte desatención sanitaria á comunidade galega, ademais do grave risco de desaparición do seu patrimonio cultural ao que sumou o “simbolismo” do Hospital no que faleceu Castelao e cuxa habitación permanece a modo de museo.
Para Pontón, as decisión políticas conduciron ao Centro galego a unha situación límite agravada pola desvinculación do centro coa Fundación Ospaña e avanzou que o BNG “exixirá explicacións á Xunta sobre esta desvinculación” así como unha clara implicación do Goberno galego para salvar o centro. “Aínda estamos a tempo”, recalcou, e rexistraremos unha iniciativa para negociar co Goberno de Arxentina que non permita o desmantelamento e venda do centro e poder salvagardar o hospital e todo o seu patrimonio cultural.
Nas próximas semanas o parlamento arxentino impulsará unha iniciativa para a declaración BIC deste espazo e dende Galiza, manifestou, “debemos a declaración”.
ENCONTRO CON MUJICA, TOPOLANSKY E TABARÉ
Na súa estadía en Uruguai, Pontón destacou o encontro co ex-Presidente Jose Mújica, a actual Vicepresidenta, Lucía Topolansky e o Presidente de Uruguai, Tabaré Vázquez, encontros que serviron para afianzar relacións e constatar que as forzas de esquerda que loitan contra o neoliberalismo están a conseguir melloras nas condicións de vida e sacar da pobreza a centos de persoas.
Finalmente, Pontón lembrou que tamén mantivo diversas reunións en Bos Aires co Movemento en defensa do aborto e concretamente coas “deputadas sororas” que defenderon a Lei do aborto no Congreso e Senado e que a pesar de non triunfar, “foi un paso adiante” para converter “ese dereito en Lei”. Ademais , engadiu levaremos adiante un intercambio de lexislacións de loita contra a violencia de xénero.