Ana Pontón e Tabaré Vázquez coinciden en destacar a importancia da colectividade galega en Uruguai
Considera “inspirador” o proxecto do Frente Amplio que demostrou que se pode saír da crise xerando benestar para a maioría social
O BNG propón recuperar o lectorado de galego na universidade deste país, para difundir lingua e a cultura e como recoñecemento á diáspora
Encontro co Patronato da Cultura Galega e coa directiva do Centro Galizia de Montevideo
A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, pecharon a última xornada en Montevideo cunha reunión dunha hora co presidente da República de Uruguai, Tabaré Vázquez, con quen compartiron análise da actualidade política de ambos países e do contexto internacional, encontro no que coincidiron en destacar o peso e a importancia que ten xogado e que aínda xoga a colectividade galega neste país.
“Analizamos a situación política, en particular a da colectividade galega, tendo en conta que Uruguai é, proporcionalmente, o país americano con máis residentes galegos”, indicou Pontón, quen destacou o “cambio transformador” que as políticas desenvolvidas polo Frente Amplio desde o Goberno da república trouxeron para a sociedade.
“O Frente Amplio conseguiu un cambio en Uruguai, conseguiu reducir a pobreza, reducir o desemprego, logrou manter o país cun nivel estable de crecemento e iso é un logro que temos que valorar”, indicou a líder nacionalista, que ve nesas políticas un referente para o BNG.
“É evidente que a realidade de Galiza e de Uruguai son diferentes, pero as políticas do Frente Amplio son un referente para o proxecto nacionalista e de esquerdas do Bloque, e demostrou como un país pode saír da crise a favor da maioría social con políticas alternativas ás da dereita, demostrou que é posible saír da crise recuperando emprego e benestar para as persoas. Isto é inspirador a respecto do que o BNG defende para o noso país”, salientou Pontón.
Pontón e Miranda completaron a última xornada en Montevideo con encontros coa diáspora, a través de reunións con responsables do Centro de Galiza e do Patronato da Cultura Galega, co que adquiriu o compromiso de trasladar ao Parlamento a proposta de recuperar o lectorado de galego na universidade de Uruguai, suprimido polos recortes.
“O Patronato da Cultura Galega en Montevideo está facendo unha importante labor na defensa da identidade, da cultura e da lingua galega”, indicou a dirixente do Bloque, “e asumimos a proposta de recuperar o lectorado galego na Universidade de Uruguai polo que significa de promoción da lingua e da cultura de Galiza, pola súa contribución ao ensino da nosa propia lingua pero tamén porque é unha obriga coa comunidade galega neste país”.
Pontón e Miranda salientaron o simbolismo do Centro de Galiza en Montevideo, porque foi o lugar onde se constituíu e onde se reuniu o Consello de Galiza, “alí estaba Castelo e todas as persoas exiliadas que seguiron mantendo viva a idea da nación galega”. A delegación galega pasa agora a Bos Aires onde continuará a súa axenda de contactos coa diáspora e coa esquerda social e política deste país, nunha capital que, durante décadas, mereceu o título de quinta provincia galega.