Ana Pontón ve en Pepe Mújica un referente e aposta pola solidariedade dos pobos para frear á ultradereita
“Síntome emocionada por estar nunha terra que é parte de Galiza, que acolleu a moitas persoas do meu país cando non tiñan traballo”, declarou
A portavoz nacional, Ana Pontón, arrancou a súa axenda nesta primeira viaxe como líder do BNG a Uruguai e Arxentina cun encontro de traballo con ex presidente, José Mújica, con que tamén compartiu conferencia organizada polo Movemento de Participación Popular baixo o título Esquerda, soberanía e globalización: Unidade para as transformacións.
Pontón destacou o exemplo de Mújica, -a quen definiu como “incuestionable referente ético e político”-, na loita pola liberdade dos pobos e por unha sociedade en igualdade a favor das maiorías. Tanto na xuntanza de traballo co líder uruguaio como na conferencia posterior, a dirixente do Bloque alertou do auxe crecente da ultradereita en Europa que se suma ao “rampante” neoliberalismo mesmo no espazo da Unión Europea. “Para plantarlle cara e máis necesario ca nunca a solidariedade entre os pobos”, salientou.
Pontón, que dixo encontrar moitas similitudes entre o BNG e o Frente Amplio de Uruguai, explicou que Galiza “reivindica o seu status de nación” e denunciou a “mala calidade da democracia no Estado español que ten na cadea a persoas polo simple feito de defender unhas ideas políticas, de defender o seu dereito do seu pobo a decidir”.
“Todo un síntoma de até que punto hai unha involución que impide aos pobos avanzar, sen soberanía para os pobos non hai democracia, por iso vemos tan necesario crear alianzas con outros pobos do mundo e coas maiorías sociais”, salientou.
Pontón explicou que o proxecto político do Bloque “ten moitos puntos de encontro coa esquerda latinoamericana, da que collemos principios para loitar contra o neoliberalismo, tamén ante unha UE que se pon ao servizo das grandes transnacionais en detrimento das súas maiorías sociais, recortando dereitos e liberdades públicas”.
Pontón destacou que no Estado hai neste momento “un réxime caduco e corrupto que non permitiu a ruptura real co franquismo”. “Urxe darlle a volta a unha situación preocupante desde o punto de vista democrático e mesmo de supervivencia do planeta en termos ambientais”, recalcou.
Miranda e Pontón manterán nas vindeiras horas unha xuntanza coa directiva do Centro Galego de Montevideo e asistirán a un encontro no Senado de Uruguai con senadores e senadoras, deputados e deputadas do Frente Amplio.