Ana Pontón pide a implicación da Xunta para dar unha solución á situación do Centro Galego de Bos Aires
Destaca o importante valor social, cultural e de memoria histórica desta emblemática institución da colectividade galega e critica a pasividade do Executivo de Feixóo
A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, mantiveron un encontro cos responsables da intervención do Centro Galego de Bos Aires, no que constataron a situación límite na que se atopa esta emblemática e histórica institución fundada pola colectividade galega na capital arxentina.
A dirixente nacionalista demanda a intervención da Xunta para darlle unha solución e anuncia iniciativas parlamentarias nese sentido e para que o Goberno galego dea explicacións pola súa inacción política.
“Saímos da reunión cunha gran preocupación polo futuro do Centro Galego, sobre como vai seguir prestando atención sanitaria aos usuarios e usuarias, que na súa maior parte son galegos ou descendentes de galegos, pero que a día de hoxe está nunha situación crítica, na UVI e a piques de ser desmantelado”, indica Pontón.
A dirixente do Bloque constatou “a falta de implicación da Xunta para aportar unha solución” despois de que se tomasen unha serie de decisións adoptadas polo Goberno que conduciron a esta situación. Pontón tamén fixo referencia ao feito de que a Fundación OSPAÑA “se desvinculara” da entidade “o que a colocou nunha situación límite”. Esa fundación, agora xa fora do centro, foi creada durante o Goberno bipartito como unha solución que permitira dar un soporte de socios que mantiveran a actividade do centro. “A desvinculación levouse a cabo dun xeito pouco claro”, denuciu Pontón.
Por iso, avanzou a líder nacionalista, o BNG levará ao Parlamento iniciativas “primeiro para esixirlle responsabilidades á Xunta pola súa deixadez e para reclamar que a Xunta de Galiza se implique para darlle unha solución a cal vai ser o destino final dese centro e para garantir a atención sanitaria e, en segundo lugar, polo importante patrimonio cultural, artístico e tamén de memoria histórica da entidade”.
Neste sentido, a dirixente do Bloque salientou que no Centro Galego de Bos Aires alberga a habitación na que faleceu Castelao “que debe ser declarada ben de interese cultural”, unha entidade que alberga tamén “un patrimonio dalgúns dos grandes pintores galegos e unha biblioteca que resume unha parte moi importante das aportacións da cultura galega da segunda metade do século XX”, explicou Pontón.
“É necesario e é posible unha solución para o Centro Galego de Bos Aires pero pasa inexorablemente por unha implicación política e o Goberno galego non pode seguir mirando para outro lado permitindo que esta entidade poida desaparecer. A Xunta debe ter altura de miras”, demandou.
Dentro da axenda de contactos políticos e sociais, Pontón e Miranda tamén tiveron un encontro con representantes do Movemento arxentino en defensa do aborto, responsables de diferentes forzas políticas e activistas feministas que deron a batalla para que as mulleres deste país poidan decidir sobre a súa maternidade.