BNG esixirá no Parlamento que a Xunta deixe de apoiar o “Foro La Toja” por vulnerar a lei de normalización lingüística e branquear o neoliberalismo

Manuel Domínguez, Montserrat Prado e Heládio Outeiro
Manuel Domínguez, Montserrat Prado e Heládio Outeiro
Montserrat Prado reta a Feixóo a aproveitar a súa participación no foro para reclamar o fin da estafa bancaria e o espolio enerxético aos galegos e galegas, no canto de “abrazar ao gran capital”

BNG esixirá á Xunta no Parlamento galego que deixe de apoiar o denominado “Foro La Toja”, un evento que “vulnera abertamente a Lei de Normalización Lingüística e pretende branquear ao capital depredador”. Así o avanzou en rolda de prensa en Vilagarcía de Arousa a deputada nacionalista Montserrat Prado, quen censurou esta “copia casposa de conclave de excelencia do neoliberalismo máis salvaxe e machista, que practica un total desprezo pola nosa lingua e toponimia”.

Nun encontro cos medios no que estivo acompañada polo responsable comarcal no Salnés, Manuel Domínguez, e polo portavoz municipal no Grove, Heládio Outeiro, Prado advertiu que o foro representa xa dende a súa propia denominación un exercicio de ostentación e desprezo pola toponimia galega e unha agresión lingüística “que non se pode consentir”, mais tamén un claro intento de “amparar e branquear ao poder económico máis agresivo contra o pobo como son a banca ou as eléctricas”. Ao seu xuízo, con todo o que está acontecendo en Galiza, é unha provocación “o papel relevante que lle dan neste encontro aos presidentes de Abanca, Juan Carlos Escotet, e Ibedrola, Ignacio Sánchez Galán, máximos expoñentes da estafa bancaria, o peche de oficinas e a perda de emprego, por un lado, e do espolio enerxético, por outro”.

“O que tería que facer o presidente da Xunta é deixar de abrazar ao gran capital e reclamar nese foro o fin da estafa bancaria e do espolio enerxético aos que nos están sometendo aos galegos e as galegas e rematar co deterioro dos servizos públicos, na vez de apoiar eses comportamentos empresariais compartindo mesa con eles”, criticou logo de subliñar tamén o escaso papel de mulleres entre as persoas relatoras que evidencia ademais “o pouco interese deste selecto club polas reflexións e análises que poidamos facer as mulleres en temas de tanta relevancia”.

A deputada nacionalista recalcou que o BNG esixirá tamén ao Executivo de Feixóo no Parlamento que cumpra coa súa obriga e actúe “para que se respecte o noso idioma e os nosos topónimos, esixindo o uso do topónimo correcto que é A Toxa”, para a continuación reprobar que “non ten ningunha xustificación que responsábeis políticos, que deberían ser os máximos garantes tanto do cumprimento da lexislación como da protección e promoción da lingua, participen en eventos que a deturpan, sen solicitar a rectificación precisa”.

Ademais da iniciativa parlamentaria, Prado adiantou que o Bloque tamén impulsará a iniciativa social con mobilizacións, “conxuntamente con outras organizacións”, ao longo das xornadas nas que se celebra o foro e para as que fixo un chamamento á participación. “O BNG non vai quedar calado diante da celebración dun foro que vulnera a Lei de Normalización Lingüística e pretende branquear ao capital depredador”, concluíu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG