O portavoz nacionalista de Xustiza e Institucional, Iago Tabarés, reclamou á Xunta no Parlamento galego a supresión da proba de entrevista persoal dos concursos de méritos para a provisión de postos na Unidade de Policía adscrita a Galiza (UPA) e que, segundo recalcou, “posibilita a introdución de criterios de avaliación subxectivas que impediu en distintas convocatorias que axentes con maior puntuacións nos méritos obxectivables ficaran sen acceder á praza á que aspiraban”.
Tabarés advertiu que a discrecionalidade “non pode ser un criterio nos sistemas ordinarios de provisión”, polo que emprazou ao Goberno galego a eliminar a utilización de probas discrecionais no sistema de selección de persoal da UPA, ao tempo que tamén reclamou a dotación de medios para que as e os seus profesionais “poidan traballar en igualdade de condicións nas dúas linguas oficiais en Galiza”.
Logo de recalcar nunha pregunta parlamentaria que as forzas e corpos de seguridade carecen ata de formularios en galego, indicou que a ausencia de instrumentos para desenvolver o seu traballo en ámbalas dúas linguas “non só implica unha vulneración dos dereitos lingüísticos, senón que limita a eficacia do funcionamento do servizo”.
En todo caso, o deputado nacionalista recordou que Galiza segue sen contar cun corpo propio de Policía, a diferenza de Euskadi e Cataluña, e que a UPA segue a rexerse por un marco administrativo provisorio pendente de actualización dende hai 15 anos e cunha lei tamén pendente de cumprir. “E o sorprendente é que o propio PP considera que a situación actual é insatisfactoria, mais non consta que fixera nada para a súa superación”, afirmou, para reprobar a continuación que “levamos dende 2007 sen desenvolver o corpo de Policía Galega”.
De igual xeito, lembrou que seguen sen cumprirse os acordos parlamentarios para solicitar do Goberno estatal o restablecemento da prestación do servizo do 091 nas comisarías de Lugo e Ourense, así como o referido ao cumprimento do catálogo da UPA, “pois a día de hoxe o número de efectivos reais está moi por baixo das previsións do catálogo que, por outra parte, está moi desactualizado”. “O número de efectivos actual é o máis baixo dende 2013, exercicio dende o que o decrecemento é constante, chegando a ter na actualidade un 25% menos do catálogo aprobado no seu día”, alertou, para cuestionar por último ao Executivo do PP polas xestións que ten pensadas realizar para a actualización de dito catálogo e para o seu cumprimento