BNG esixe á Xunta que rectifique de inmediato a súa decisión de cancelar a Tarxeta Básica, creada coa pandemia para a compra de alimentos e produtos de hixiene, a única medida de emerxencia que existía xa que foi “incapaz de adoptar nin unha soa con carácter extraordinario para rescatar aos sectores da poboación máis empobrecidos coa brutal crise de prezos”.
“O que lle pedimos ao Goberno galego e ao PP é que empaticen, que teñan a sensibilidade que necesita un momento como o actual e que manteñan a Tarxeta Básica e a regulen para darlle un carácter permanente como ponte ata que as persoas que se atopan en situación de pobreza ou exclusión social poidan acceder a outras prestacións económicas como a RISGA ou o Ingreso Mínimo Vital (IMV)”, reclama a portavoz nacionalista de Dereitos Sociais, Olalla Rodil, quen recorda que esta é unha das propostas que leva facendo o Bloque dende hai máis dun ano e que o PP “votou unha e outra vez en contra” no Parlamento galego.
Segundo recalca Rodil, “é absolutamente inadmisible que no medio dunha crise económica como a que estamos a vivir, onde os galegos e as galegas son un pouco máis pobres cada día, A Xunta deixe sen efecto a única medida de emerxencia que existía ata o momento, deixando a milleiros de persoas tiradas aos pés dos cabalos no peor momento posible”.
Neste sentido, insiste na necesidade de que o Executivo galego poña en marcha un plan de rescate para axudar “precisamente aos sectores da poboación máis afectados por esta crise de prezos, por esta inflación desbocada”, polo que ademais da restitución da Tarxeta Básica, defende a “actualización das contías da RISGA para adaptalas a esta crise tan grande” e a posta en marcha doutras medidas como “incrementar tamén as axudas á vivenda”.
Logo de recordar os últimos datos de pobreza e exclusión social publicados estes días e que cifran “en máis de 678.000 persoas en risco de pobreza e exclusión social no noso País, máis das que viven nas cidades da Coruña e Vigo xuntas”, a viceportavoz parlamentaria do BNG reproba a actitude do PP por “deixar a tantas e tantas persoas como son as beneficiarias da Tarxeta Básica sen nada, sen absolutamente nada no medio dunha crise tan grande, dunha inflación como non había nos últimos 40 anos”, conclúe.