O deputado do BNG Manuel Lourenzo esixiu á Xunta no Parlamento galego que descarte definitivamente a creación dun encoro en Forzáns, no concello de Ponte Caldelas, mais a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, negouse a desbotalo en respostas á pregunta do deputado nacionalista en pleno parlamentar.
Lourenzo recriminou á titular de Infraestruturas as “reviravoltas” e continuos “cambios de opinión” do Goberno galego sobre o posible transvasamento de augas dende os ríos Verdugo e Oitavén como opción para o abastecemento de Vigo que, se ben foi rexeitada en 2011 por Augas de Galiza ante a “barbaridade” ambiental que suporía o proxecto, en 2017 o Executivo do PP “onde dicía que non, volve dicir que si ao transvase e ademais asegurando que se ía levar a cabo en tres meses, polo trámite de urxencia e sen informes de impacto”.
Segundo explicou, logo das mobilizacións en Soutomaior e Ponte Caldelas en 2017, a Xunta ofrece unha nova reviravolta ao ano seguinte, validando o transvasamento, pero sen urxencia, aínda que coas novas mobilizacións de outubro dese 2018, volveuse retractar afirmando que “de momento” non se acometería e que “agora si había que facer un estudo”.
Logo de recalcar que a paralización do transvase en 2018 foi posible grazas ás mobilizacións da veciñanza e dos mariñeiros “que deron un exemplo de dignidade fronte ás súas políticas”, o deputado nacionalista recordou á conselleira que o PP xa rexeitou no Parlamento a paralización do transvasamento e mesmo se situou a carón do goberno municipal para reclamar esta alternativa como solución ás secas en Vigo.
De igual xeito, amosou a preocupación do BNG porque se ben en outubro de 2021 o primeiro avance do informe anunciado en 2018 pola Xunta apuntaba a unha negativa ao transvasamento, o Goberno galego facía públicas unhas declaracións nas que se mostraba partidario “doutras medidas como incrementar a capacidade dos encoros”.
“A que se está a referir exactamente con incrementar a capacidade dos encoros, señora conselleira? Está vostede referíndose a un recrecemento de Eiras? Está vostede aínda a contemplar que se leve adiante un encoro de abastecemento en Forzáns para abastecer a Eiras?”, cuestionou Lourenzo sen obter resposta por parte da titular de Infraestruturas, pese a solicitarlle un pronunciamento claro para descartar definitivamente o transvase de augas dende o Verdugo e o Oitavén e o encoro de Forzáns.