BNG esixe á Xunta que defenda o interese xeral e convoque xa a mesa para articular a saída de ENCE da ría de Pontevedra

Marcha contra celulosas
Marcha contra celulosas

Luís Bará advirte ao Executivo do PP que non pode seguir antepoñendo os intereses da empresa nin poñerse de perfil e facer oposición sendo goberno

O portavoz parlamentario de Medio Ambiente apela á oportunidade histórica de desenvolver un proxecto integral que xere máis emprego e máis riqueza

“ENCE non pode seguir onde está por moito que a pinten de verde e así o imos seguir defendendo dende o BNG porque, ademais de recuperar a ría, estamos ante unha oportunidade histórica para desenvolver un proxecto integral que xere máis emprego e máis riqueza no monte e na industria forestal”. Así se pronunciou o portavoz parlamentario de Medio Ambiente, Luís Bará, antes de participar na marcha convocada pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) para esixir a saída definitiva da fábrica da ría de Pontevedra.

Bará reclama á Xunta que asuma a súa obriga de poñerse á fronte do proceso convocando unha mesa na que estean todas as partes implicadas para liderar un plan de futuro que pase, en primeiro lugar, “pola saída de ENCE da ría e a recuperación ambiental dos terreos que ocupa” e, en segundo termo, polo desenvolvemento dun novo proxecto industrial para o aproveitamento integral do monte, “coa potenciación da industrial forestal con novas liñas de produtos e madeiras de calidade e o pecho do ciclo produtivo cunha planta de fabricación de papel”.

Logo de subliñar a necesaria participación pública no proceso, tanto na fase de planificación como de execución, o deputado nacionalista  advirte que “a Xunta non pode seguir defendendo os intereses dunha empresa privada pasando por riba do interese xeral”, dado que a saída da factoría da ría está máis que xustificada por razóns ambientais, sociais, urbanísticas, de saúde pública “e tamén de saúde democrática”.

“A peor contaminación é a das portas xiratorias e o uso das institucións para favorecer intereses privados fronte ao interese xeral”, recalca, para reprobar a continuación a actitude do Executivo do PP, ao que reprocha que “tampouco pode poñerse de perfil porque ten todas as competencias en materia ambiental, de ordenación do territorio e de desenvolvemento industrial”.

O portavoz nacionalista de Medio Ambiente no Parlamento galego lembra que “a estas alturas está claro que a prórroga de 2016 foi concedida de maneira irregular por un Goberno en funcións que non tiña competencias para facelo” e que a Lei de Costas di que este tipo de instalacións industriais non poden estar en terreos de dominio público marítimo terrestre se non teñen relación directa co mar, como é o caso. “E por se non fose abondo, o Plan de Ordenación do Litoral aprobado pola Xunta en 2011 prevé a saída da fábrica e a recuperación ambiental e paisaxística dos terreos que ocupa”, salienta.

Bará avanza que o BNG “vai seguir defendendo nas rúas, como está facendo hoxe, e nas institucións a saída da fábrica da ría” e incide na intención nacionalista de “ir máis alá, porque pensamos que estamos diante dun contexto e dunha oportunidade histórica para recuperar a ría e para desenvolver un proxecto integral que xere máis emprego e máis riqueza no monte e na industria forestal”.

“Aquí non vale cruzarse de brazos e botarlle a culpa aos demais, non vale como fai a Xunta, ser goberno e facer de oposición”, recalca, para concluír que “temos moito que gañar en materia de decencia democrática e defensa do interese xeral; en materia ambiental, para termos montes e rías sustentables, vivas e produtivas; e, por último, en materia de emprego, coa creación de centos de novos postos de traballo de calidade na industria forestal e no mar”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG