O BNG esixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que interveña “urxentemente” para aportar unha solución ao conflito da mexilla, que se ten agravado nos últimos tres anos e que enfronta ao sector percebeiro e mexilloeiro sen que o Goberno do PP teña aportado ningunha alternativa satisfactoria para ambas partes.
Ao contrario, as decisión arbitrarias, a incompetencia da Consellería do Mar e até as chapuzas lexislativas do Executivo popular non fixeron máis que empeorar a situación, como quedou de manifesto na carga policial ante a sede da Xunta. Unha carga policial que o BNG condena por considerala “excesiva e innecesaria”, en palabras da portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez.
“Queremos apelar directamente ao propio presidente da Xunta para que interveña e poña solución a este conflito”, declarou Pérez, un conflito que se agravou nos últimos tempos “única e exclusivamente pola incompetencia manifesta” do Executivo do PP, particularmente da consellería do Mar, denunciou.
Pérez cualificou como “absolutamente incomprensible” que despois de tres anos de grave conflito “sigamos sen solución” e, por iso, o Bloque reclama a Rueda “que actúe e que chame de inmediato ás partes para sentarse a dialogar e aportar solucións”.
A portavoz parlamentaria de Pesca explicou que a xente do mar quere vivir do seu traballo, quere ir traballar tranquilamente e poder desenvolver a súa vida de xeito normal, non quere estar manifestándose para poder levar ao cabo o seu traballo, reprobou. “Solicitamos urxentemente a intervención de Alfonso Rueda para aportar unha solución definitiva que permita traballar con normalidade a estes dous sectores”.
Pérez indicou que foi precisamente “a deixadez e mesmo a falta de diálogo” demostrada até agora polo Goberno do PP a que provocou que a situación chegase ao punto de confrontación no que se atopa hoxe.