O portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez defendeu unha moción instando ao goberno galego “ a mediar no conflito entre bateeiros e percebeiros” e regular a extracción da mexilla, “sen prexudicar a ningún dos dous colectivos”. A proposta nacionalista, acadou a unanimidade no Parlamento galego.
Na súa intervención, Rosana Pérez insistiu na urxencia de retomar de inmediato e non cesar as reunións do Grupo de Traballo constituído entre a Administración e os sectores bateeiro e percebeiro, “sen imposicións de ningún tipo, ata acordar unha normativa que regule a actividade da extracción da mexilla que asegure os intereses de ambos sectores”, ao que sumou realizar os investimentos necesarios en investigación e tecnoloxías que permitan poñer en práctica todas aquelas medidas alternativas que leven progresivamente ao autoabastecemento da semente.
Por outro lado, avogou por poñer en marcha medidas que eviten “calquera posible enfrontamento entre os colectivos” e potenciar a actividade nas rías e no mar que “dan vida ás localidades da nosa costa.
A nacionalista lembrou que no último pleno, antes do Nadal, o BNG interpelou á conselleira do Mar por esta mesma cuestión. Daquela, dixo, pedimos á titular de Mar que “exercera as súas competencias exclusivas na extracción de semente de mexillón en bancos naturais e evitar os conflitos como os que se deron na campaña 2019-2020 e que se repetiron no 2020-2021” pero a conselleira, dixo a deputada nacionalista, “non respondeu nin aportou ningunha solución”.
Rosana Pérez aludiu á normativa do 26.10.2000, que “regula a extracción de semente de mexillón en bancos naturais e quen a pode recoller”, puntualizando que pode ser recollida polos concesionarios ou tras acordo subscrito coas confrarías ou agrupación de mariscadoras.
Asemade, a orde establece as zonas de extracción no litoral das provincias da Coruña, Pontevedra e as Illas Atlánticas , período de extracción do 1 de decembro ao 30 de abril e cunha cantidade máxima de 3.500 KG de semente /batea en cada período.
No caso da extracción de semente acordado coas confrarías, explicou, estas subministrarán a semente de mexillón extraída das rochas do litoral incluído en zonas de autorización ou plans de explotación aprobados, pero esta obriga, criticou a deputada , resulta “perversa” e serviu de escusa para que o PP seguira durante anos “mirando para outro lado” porque, “en función das características conxunturais de cada campaña e cando o seguimento e avaliación dos recursos o aconselle, a delegación territorial poderá modificar as zonas, cantidades e períodos de extracción mediante resolución motivada”.
Con todo, engadiu, esa lexislación do ano 2000 valeu durante case 20 anos para manter ás dúas partes “máis ou menos conformes” pero ante os últimos conflitos suscitados entre bateeiros e mexilloeiros, a consellería decidiu elaborar o decreto “para regular o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e algas”. A Consellaría aproveita, 20 anos despois, un decreto que non regula a extracción da mexilla, senón que regula a conservación e explotación dos recursos marisqueiros (entre eles o percebe), para introducir un artigo, “o xa famoso artigo 13.2”, onde se recolle que “os plans de xestión de percebe poderán reservar zonas para a extracción de semente de mexillón”.
Un día antes de comezar a campaña, o 29 de novembro, relatou Rosa Pérez, a Consellaría convocou á Mesa do Mexillón, “non á mesa de traballo entre bateleiros, e administración”, para presentarlles unha Resolución unilateral onde establece unha zonificación que, evidentemente, causou un grandísimo malestar no sector bateeiro, tanto polo fondo como polas formas. Despois de meses sen acordos, “a Consellaría impón unha normativa pola súa propia conta e risco” e sen amosar intención de recuperar o diálogo.
“A proposta do BNG é volver a sentar coas dúas partes” e insistiu en que antes de avanzar na recollida da mexilla e antes de lamentar incidentes que aínda se poden evitar, “o Grupo de Traballo, conformado pola Administración e os dous sectores, debe retomarse e non cesar nas reunións ata acordar unha normativa que regule a actividade da extracción da mexilla que poda asegurar os intereses de ambas partes”.
Tamén propoñemos, levar a cabo as investigacións necesarias para que podan existir alternativas viábeis á extracción da mexilla fóra do medio natural, que se analicen esas alternativas e se tomen en serio evitar os problemas que agora temos en fase aguda.
Rosana Pérez amosou a súa satisfacción ante o apoio unánime do Parlamento, á iniciativa do BNG e avanzou que agora deben poñerse en marcha as medidas do acordo acadado para rematar co conflito entre bateeiros e percebeiros.