parlamento galego

BNG esixe a Feijóo que aclare ao Parlamento de Galiza o relevante incremento do seu patrimonio entre 2020 e 2022

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Iago Tabarés solicita a convocatoria da Comisión do Estatuto do Deputado e Deputada, que leva máis dun ano sen reunirse a pesar dos cambios rexistrados na Cámara

Tras constatarse unha variación de máis de 850.000 € no patrimonio do líder do PP, o Bloque pide “respecto, transparencia e o cumprimento do Regulamento”

O deputado do BNG Iago Tabarés reclamou hoxe ao ex presidente da Xunta e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que actualice no Parlamento de Galiza a súa declaración de bens e dea contas do relevante incremento, de máis de 850.000 euros, do seu patrimonio entre os anos 2020 e 2022.

“Como é publicamente coñecido, entre xullo de 2020 e xuño de 2022 o patrimonio do señor Feijóo experimentou unha variación superior aos 850.000 euros, e existe a obriga regulamentaria de actualizar unha modificación patrimonial tan relevante”, asegurou Tabarés, quen detallou que dese incremento 64.000 euros corresponden a depósitos, 53.000 a accións, 481.500 a un fondo de Abanca, 238.000 a amortización dun préstamo e 15.000 a un plan de pensións.

“Dende o BNG non podemos afirmar que a orixe do incremento patrimonial do Sr. Núñez Feijóo teña causa ilícita, nin que proceda de sobresoldos ou que percibise gastos de representación, como agora se coñece na súa etapa do Senado, simplemente pedimos respecto, transparencia e o cumprimento do Regulamento da Cámara”,  asegurou Tabarés nunha rolda de prensa na que anunciou que o Bloque vén de solicitar formalmente que se convoque a Comisión do Estatuto do Deputadx, que leva máis dun ano sen celebrar sesión algunha.

Subliñou, neste sentido, que nos últimos meses máis dunha decena de membros do Parlamento cesaron na súa condición de deputados ou deputadas e outras tantas tomaron posesión do seu escano, sen que se celebrara a comisión para dar conta das súas declaracións de bens e actividades, paso previo á publicación na web de transparencia do Parlamento “para coñecemento de toda a cidadanía”, explicou.

A pesar de que o BNG xa o solicitou hai máis dun ano, a Comisión do Estatuto ten pendente ademais pronunciarse sobre a necesidade de solicitar a Feijóo a aclaración do incremento do seu patrimonio. “Non consta que Feijóo o fixera a pesar de que dende o ano 2015 os deputados e deputadas temos a obriga de informar das modificacións relevantes nas declaracións iniciais”, denunciou Tabarés.

O deputado do BNG, que especificou que o propio Feijóo cumpriu co Regulamento no 2019 por unha variación patrimonial menor, reclamou ao Partido Popular que apoie a convocatoria da Comisión do Estatuto do Deputado e non impida “o normal funcionamento do Parlamento de Galiza e das persoas que o compoñen”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG