BNG emenda o proxecto de Lei de Áreas Empresariais para mudar desregulación e arbitrariedade por impulso económico

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

Alexandra Fernández defende a planificación de distintos tipos de áreas empresariais e a definición de criterios territoriais, entre outras propostas

Recrimina á Xunta que só pretenda axilizar trámites para blindarse fronte ao dereito de participación e aumentar a discrecionalidade nas tramitacións  

BNG defendeu no Pleno do Parlamento galego a emenda á totalidade do proxecto de Lei de Áreas Empresariais presentado polo Goberno do PP e que, segundo recalcou a portavoz nacionalista de Ordenación do Territorio, Alexandra Fernández, só ten como único obxectivo a desregulación e que establece un modelo de discrecionalidade e arbitrariedade.

Así, Fernández afirmou que o texto presentado pola Xunta non é realmente unha lei, senón un texto legal que “remenda” con retallos outras xa existentes, que xermina sen diagnose sobre a realidade existente, que non se establecen nin modelo nin obxectivos concretos e que, basicamente, se centra en dous obxectivos “cativos e turbios”: a axilización de trámites para blindarse fronte o dereito de participación e o aumento da discrecionalidade nas tramitacións.

Segundo advertiu, para acadalos, o Executivo galego válese de “coser retallos de distintas leis”, tal e como acontece coa Lei 1/2021 de Ordenación do Territorio, que é copiada punto por punto neste proxecto de Lei de Áreas Empresariais concretamente no referido aos pasos dos procedementos administrativos para a tramitación de instrumentos, iso si, incluíndo matices: a redución dos prazos na tramitación, algo que, segundo asegurou, non tería que ser un problema se obedecese a criterios obxectivos e se respectase o dereito á participación nos procedementos.

“Pero xustamente a Xunta recorta aí, non recorta os prazos que ten o órgano ambiental para formular os informes, onde meten a tesoira é nos prazos para a información pública e a participación doutras administracións como os concellos”, explicou, para advertir a continuación que ademais se engade unha cláusula de excepcionalidade pola cal o Consello da Xunta pode determinar que “os prazos aínda se reduzan á metade sen ningún criterio obxectivo e concreto para unha tramitación concreta”, o que suporía na práctica de prazos de información pública e de audiencia ás deputacións e entidades locais de apenas 10 días hábiles.

A isto engadiu o seguinte axuste que lle fai o PP á Lei de Ordenación do Territorio e que pasa por “aumentar a cota de arbitrariedade”, introducindo un mecanismo de excepcionalidade para que se poidan tramitar áreas empresariais que non estean contempladas dentro do Plan Sectorial, marco legal do que se derivan as actuacións particulares. “É dicir, a Xunta resérvase con esta modificación a potestade de saltarse á torera o plan sectorial que ordena as áreas empresariais, cando queira e sen xustificación, o que lle permitiría a reclasificación e recualificación do solo”, alertou.

Para a deputada nacionalista, isto supón na práctica un mecanismo que vai favorecer a interrelación e permeabilidade entre os grandes intereses empresariais e o Consello da Xunta e o partido que sustenta o goberno, “unha grande lei para engraxar as portas xiratorias”, remarcou.

A isto engadiu a segunda parte do proxecto de lei, co que a Xunta remenda tamén a Lei de Simplificación Administrativa aprobada hai menos dun ano, desenvolvendo un mecanismo de discriminación de concellos, en virtude do que se obriga aos municipios a modificar a súa autonomía fiscal se queren acceder a calquera tipo de subvención ligada coa actividade empresarial e o emprego.

“Non só é unha chantaxe aos concellos senón que as propias empresas veríanse afectadas á hora de solicitar subvencións, xa que dependerían de se estas están localizadas nun concello emprendedor que ten rebaixas fiscais ou non; a Xunta penalizaría por tanto ás empresas que se atopen nun concello que non queira ou non precise aplicar rebaixas fiscais”, advertiu, para subliñar a continuación que o único modelo que o PP fomenta así é o da baixada de impostos sen criterios económicos que dirixan estas deducións cara un modelo de área empresarial concreto. “O primeiro remendo serve para acortar trámites, acortando dereitos e para lexislar a arbitrariedade e o segundo remendo serve para deseñar un modelo de discrecionalidade na concesión de axudas”, resumiu.

Propostas para valorizar e optimizar realmente as áreas empresariais

Fronte a esta formulación que vai contra o público e representa unha involución democrática, o BNG propuxo na súa emenda á totalidade do novo texto normativo liñas alternativas concibidas para valorizar e optimizar as áreas empresarias e poñelas ao servizo do impulso e o desenvolvemento económico.

Deste xeito, a deputada nacionalista defendeu a necesidade de planificar tres aspectos básicos: os mecanismos de impulso económico que deben acompañar o desenvolvemento de solo empresarial, a aposta pola innovación e planificación de distintos tipos de áreas empresariais axeitadas coas novas formas de produción e a definición de criterios territoriais que fomenten a competitividade das áreas, ao tempo que melloran a cohesión social e territorial e a calidade urbana destes espazos.

Sobre o primeiro aspecto, defendeu a articulación de mecanismos para fomentar a implantación de empresas ligadas á innovación, á dixitalización e que fomenten a investigación, concedendo un papel relevante ás áreas afectadas pola reconversión industrial e pola transición ecolóxica. Para iso, considerou obrigado cambiar discrecionalidade para as empresas amigas por criterios concretos que orienten a política económica: “vostedes queren que a declaración de proxecto singular ou estratéxico sexa tan ambigua e laxa que decidan arbitrariamente vostedes dende o Consello da Xunta; nós o que propoñemos son criterios concretos para un novo modelo, en igualdade para as empresas e apostando por un futuro de mirada longa”.

Sobre os distintos tipos de áreas empresariais, Fernández apostou por establecer novos modelos e impulsar deste xeito os parques tecnolóxicos, os parques científicos e de innovación, ligados á produción do coñecemento e as áreas de usos mixtos ligados a contornos urbanos.

De igual xeito, propuxo a división e delimitación do conxunto do territorio galego en áreas funcionais que definan os distintos mercados de traballo a partir da mobilidade residencia-traballo e onde cada unha delas abranga un conxunto de municipios nos que se persiga a obtención dun elevado nivel de autosuficiencia do seu mercado de traballo. Por último, o BNG avoga por que a nova lei defina a vocación de cooperación territorial no marco da eurorrexión, así como o modelo de cooperación do sistema urbano galego. Propostas todas elas que, segundo avanzou a deputada nacionalista, o Bloque defenderá nas emendas parciais á lei, logo que o PP vetase hoxe a emenda á totalidade do novo texto normativo.   
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG