BNG destacará no vindeiro pleno, a “incapacidade” de Rueda e do goberno do PP para defender os intereses de Galiza ante o estado

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil salienta a inacción do Goberno galego para reclamar as transferencias, a exclusión de Galiza nos Fondos Next Generation, e o desleixo ante o derrube do viaduto da A-6

O BNG centrará o vindeiro pleno na reclamación ao Estado das transferencias galegas e a “incapacidade” do goberno galego e do presidente Rueda, neste ámbito.

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, tras amosar a súa protesta pola decisión do Partido popular de alterar o horario do vindeiro pleno e supeditalo ao acto da entrega das medallas Castelao, criticou esta alteración en función dos interese  do Partido popular e cualificou de “intolerable” que a visita do rei ou calquera outro acto marque  a axenda parlamentaria porque o PP  o decide de maneira unilateral.

Tras a Xunta de Portavoces, a nacionalista avanzou que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará ao presidente Rueda cando vai empezar o goberno do PP a defender os intereses de Galiza ante o Estado?

“A incapacidade manifesta de Rueda e do goberno do PP para defender os intereses das galegas e dos galegos diante do estado”, dixo,  é un feito incontestable como demostra a exclusión de Galiza nos Fondos Next Generation ou o derrube do viaduto da A-6.

Temos un Goberno encabezado por Rueda, “máis preocupado por defender ás empresas construtoras ou a ex ministros do PP que en investigar o sucedido” e explicou que tardou dez días en ir ó lugar do sinistro e unicamente para ir de acompañante da ministra de Transporte e  moito nos tememos, advertiu,  que estamos ante “un pacto de silencio PP-PSOE”, contrario aos intereses dos galegos e das galegas.

Pero tamén, cada día queda máis claro, engadiu, que “o PP non quere máis competencias para Galiza”. Non exerce as que ten nin moveu un dedo por conseguir ningunha nova nos últimos 13 anos. Ten o mérito de ser o único goberno con “cero competencias novas” en corenta anos de autonomía.

“O discurso do PP non ten credibilidade. É un disfraz, puro teatro para a confrontación partidista co goberno español neste intercambio de papeis ao que nos teñen acostumadas as forzas políticas estatais que din unha cousa e a contraria dependendo de quen sexa o inquilino da Moncloa”, recalcou.

Noutra orde de cousas, o BNG buscará  un acordo unánime para reclamar a creación de tres xulgados específicos de violencia machista en :Compostela, Lugo e Ourense, porque na actualidade, agás os Xulgados de Violencia sobre a muller en Vigo e A Coruña, os Xulgados das demais capitais de provincia, xunto  aos de Santiago e Ferrol compatibilizan as competencias nesta materia coas propias dun xulgado ordinario de instrución.

O vindeiro pleno coincide coa celebración do Día da Orgullo, martes 28 de xuño, e neste día, dixo a viceportavoz, é máis necesario que nunca volver a denunciar  “o incremento de delitos de odio LGBTbóficos”. Nesta liña indicou que,  entre os anos 2013 e 2020 foron rexistrados polas autoridades máis de 400 en Galiza dos que 130 corresponderon a  “ataques por orientación sexual e identidade de xénero” e hai que lembrar que o ano pasado tivo lugar na cidade da Coruña o asasinato de Samuel Liz ao “berro de maricón”.

Nos últimos meses rexistráronse tamén agresións en Ourense,  Vigo e  Lugo onde tiraron unha moza trans desde o adarve da muralla. Desde o BNG defenderemos unha Proposición non de lei para reclamar á Xunta: Que se persone como parte nos casos en que se producen delitos de odio, como xa acontece nos casos de violencia machista. Recursos formativos, para o persoal público que intervén en situacións de violencia lgtbfóbica: persoal sanitario, forzas de seguridade, persoal de servizos sociais…e un  plan de educación afectivo-sexual destinado á ensinanza obrigatoria, que abranga ao conxunto do estudantado e adaptado a cada unha das etapas para promover  os valores de igualdade e respecto nas relacións entre as persoas,  saúde sexual e actuacións contra a violencia machista e a LGBTfobia.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG