BNG desenvolve unha xornada de formación na que abordará o papel das nacións no contexto estatal

Lucía Veciño e Lucía López
Lucía Veciño e Lucía López

O BNG desenvolverá este sábado, en colaboración coa Fundación Galiza Sempre, unha xornada de formación na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago que empezará cunha mesa redonda na que se abordará o papel actual das nacións no contexto estatal e que continuará con distintas palestras e obradoiros para afondar no escenario político actual.

“Nun  tempo histórico convulso no que impera o pensamento único, no BNG xuntámonos para debater e formarnos respecto de análises sobre o contexto político actual, tanto na Galiza como no Estado español e tamén no plano internacional”, explica Lucía López, responsable nacional da Área de Organización.

Na xornada participarán diferentes relatoras e relatores, entre os que se atopan o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a deputada de ERC, Teresa Jordá e o senador de EH Bildu, Mario Zubiaga, que analizarán o papel das nacións sen estado no contexto político actual. Tamén contará coa participación do profesor e sociólogo especializado en teoría decolonial, Ramón Grosfoguel, quen achegará a súa análise respecto do mundo multipolar e multicéntrico cara o que camiñamos.

Programa Escola de formación do BNG
Programa Escola de formación do BNG

Segundo avanza López, a actualidade dos principios fundacionais do BNG tamén será abordada nesta xornada a través dunha entrevista ao historiador e dirixente histórico do nacionalismo galego, Francisco Rodríguez, entrevista que desenvolverá Alberte Mera, subdirector de Nós Diario.

Completarán esta acción formativa unha serie de obradoiros nos que se analizarán dun xeito máis práctico aspectos como o activismo militante, as ferramentas para a acción feminista, a lingua galega como prioridade política os 365 días do ano, a imaxe en redes sociais ou as chaves para preparar e organizar a acción política.  

“No BNG o debate, a formación e a participación da militancia son aspectos fundamentais que desenvolvemos levándoos á práctica en todos os ámbitos da organización”, conclúe López Sobrado. 

Escola de formación do BNG
Escola de formación do BNG

Actividade subvencionada polo Ministerio de Cultura.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG