Esta maña a deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, compareceu diante da delegación da Xunta en Ourense acompañada de varios representantes dos concellos da comarca de Valdeorras, nunha acción simbólica para esixir á Xunta de Galiza que disponibilice recursos para Ourense antes de que sexa tarde.
Presas denunciou “a desprotección de todo Ourense diante dos lumes forestais e que ten unha única responsable, a Xunta de Galiza do Partido Popular, que non aprendeu nada, nin da vaga de lumes de outubro que asolou o noso país nin de que Ourense sexa o territorio no que o lume arrasou máis superficie nos últimos anos e de forma máis repetida. Cómpre recordar que só no ano pasado, das 61.901ha ardidas case a metade, 30.309ha , foron de Ourense. Iso demostra que Ourense precisa máis recursos”.
Porén, a nacionalista denunciou que “a Xunta do Partido Popular vai na dirección contraria, non houbo nin política de prevención nin hai agora unha mellora dos recursos humanos ou materiais de extinción”. A proba de que non houbo prevención é que “Superado a metade do mes de agosto e no ecuador do período de alto risco de incendios, a Xunta incumpre os prazos que ela mesma fixou no PLADIGA e que situaba o 31 de maio como data límite e recoñece que non vai estar feito a mediados do verán”. Canto aos medios humanos e materiais o BNG denuncia que “Malia terse demostrado como un erro a súa supresión, Ourense continúa sen vixilancias móbiles que poidan percorrer e vixiar o territorio para garantir a detección e intervención rápida polo que é preciso retomalas inmediatamente.”
Base de Vilanova no Barco de Valdeorras
Presas recordou que “a día de hoxe as obras de mellora para a apertura da base de Vilanova, no Barco de Valdeorras, que o Partido Popular se comprometeu a levar a cabo coa máxima celeridade en xuño de 2018 co obxectivo de que abrira nesta tempada, nin sequera comezaron. Para o BNG esta é a mostra dun enorme desleixo por parte da Xunta de Galiza ao tratarse dun distrito clave. No lugar de avanzar en medios, a Xunta de Galiza inutiliza un recurso operativo desde o ano 1992 e na que se investiu diñeiro público ao longo destas décadas e iso é un absoluto escandalo.”
Necesidade de medidas inmediatas para evitar un setembro negro
Finalmente, a deputada reclamou “como medidas urxentes a tomar por parte da Xunta de Galiza: retomar inmediatamente as brigadas de vixilancia móbil ou primeira intervención, reforzar os medios humanos dos dispositivos de prevención e extinción garantindo os seus dereitos laborais e de descanso e priorizando os concellos de maior incidencia de lumes, acondicionar de forma inmediata a base de helicópteros de Vilanova (O Barco), reforzar os medios materiais (motobombas, etc) daqueles concellos que o soliciten, priorizando aqueles de maior incidencia dos lumes e deixando de caciquear con estes recursos”