O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) alerta dos riscos para a saúde da auga para consumo humano e industrial alimentario procedente do río Mandeo tras detectar vertidos de lodos aos regatos que forman o Vilarcobo.
Na parroquia de Grixalba do concello de Sobrado dos Monxes no Monte Redondo, camións cisterna verten a horas "prudentes" a súa carga de lodos metendo a mangueira nas toxeiras e xesteiras desde a mesma pista, afirma Rivas.
O deputado, tras visitar os lugares nos que se detectaron vertidos de lodos salienta que percorren a pendente a dous regatos que forman o Vilarcobo, “ cun grande caudal e afluente do Mandeo”.
Na traxectoria, recalca Rivas, o chan está "queimado" e desprende un cheiro fedorento despois dos traballos realizados con palas mecánicas para que os líquidos citados descorran a un dos regatos.
Rivas alerta do grave risco que pode provocar na saúde o consumo humano e industrial alimentario de agua procedente do Mandeo subministrada ao Centro Penitenciario de Teixeiro, polígono industrial de Teixeiro e concello de Aranga.
O deputado critica que o goberno galego non reaccione ante “un novo capítulo de agresións e delitos ambientais”. Nin a “Garda Civil, nin o Seprona tomaron cartas no asunto, o que fai pensar nunha instrución para mirar para outro lado”. O BNG denuncia “a complicidade das consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural” e a inacción de ambas para buscar unha solución aos vertidos.
Neste sentido, lembra que no mes de agosto, foron intervidas balsas de lodos sen que se producira ningunha consecuencia a pesar de non seren fertilizantes e agora, engade, Xosé Luís Rivas, estamos ante unha situación semellante, “disfrazando de fertilizantes produtos que o non son”. Estes vertidos, conteñan o que conteñan, van directos a cursos de auga e os veciños e veciñas “teñen medo”, aseverou.
O BNG denuncia que estas prácticas contra o medio ambiente non se producen soamente no concello de Sobrado dos Monxes, “forman parte dun lucrativo negocio no que participan recoñecidas empresas”.