O director de campaña do BNG, Rubén Cela, denunciou este martes o uso de fondos públicos da Xunta “claramente ao servizo da estratexia do PP”, que está a facer unha “instrumentalización partidaria da CRTVG” e pagando con cartos dos galegos e das galegas campañas nos medios que “engarzan perfectamente” co seu discurso electoral.
“É difícil diferenciar se son campañas da Xunta ou do PP”, asegurou Cela, referíndose en concreto ás cartas asinadas por Rueda que estes días están recibindo as persoas maiores ou á campaña publicitaria do bono coidado no fogar con “información que non se axusta á realidade”, segundo ten denunciado o propio Colexio de Traballo Social de Galiza, subliñou.
O BNG xa ten recorrida ante a Xunta Electoral algunhas campañas da Xunta, pero “alén de que sexan ou non legais, desde a perspectiva ética non son razoables”, remarcou o director de campaña, para quen o PP acude ao 18-F “dobremente dopado” pois ao uso partidista dos fondos da Xunta xúntase a “instrumentalización partidaria” da CRTVG.
“É evidente que a manipulación na TVG non é algo novo nin comezou nesta precampaña, pero agora está sendo especialmente escandalosa, sobre todo a partir da crise dos pellets”, de maneira que “é difícil saber onde remata o gabinete de prensa do PP e onde empezan os informativos, nos que se repica punto por punto o argumentario popular”, asegurou Cela nunha intervención na que amosou a solidariedade do Bloque cos traballadores da radio e a televisión públicas que levan máis de trescentos “venres negros” manifestándose.
O dirixente nacionalista anticipou unha campaña electoral “especialmente enlamada” por parte do PP, como evidencia xa o uso que está a facer “da mentira, a calumnia e a difamación” para intentar desacreditar aos seus rivais políticos. “Ao BNG acusóusenos de participar nunha suposta campaña de bots rusos, nicaraguanos e non sei de onde máis, dixeron de nós que practicamente traiamos á forza a xente a manifestarse a Santiago, intentan vincularnos con ETA...”, lamentou. “Xa só falta que digan que nos financiamos en Venezuela ou Irán”, ironizou.
Advertiu, neste sentido, que este tipo de “mentiras sen soporte” constitúe unha “falta de respecto” ao BNG pero é, sobre todo, “un insulto á intelixencia dos galegos” e unha mostra máis do “nerviosismo” do PP. “Certamente ese nerviosismo está ben fundado porque, como dixo Feijóo, o PP pode estar a un feixe de votos de perder a maioría absoluta”, sostivo, advertindo a continuación que “nunha campaña non pode valer todo”.
Segundo Rubén Cela, os populares están facendo uso da mentira e a manipulación porque “é onde mellor se moven” e porque non lles interesa falar dos problemas que ten a xente. “”Prefiren falar do sanchismo e de ETA que de como resolver a atención primaria, da situación do sector do mar ou de que vai pasar cosa traballadores de Alcoa”, declarou.
O director de campaña do BNG censurou, por outra banda, a actitude do PP respecto dos debates electorais. Antes de participar na reunión co resto de partidos para abordar o debate proposto pola CRTVG, á que acude “con espírito construtivo”, Cela quixo remarcar que o Bloque estará en todos os debates aos que sexa convocado porque “son un dereito á cidadanía, non unha prerrogativa dos partidos políticos”, sinalou para afear a Rueda que aínda non confirmase a súa presenza no debate de TVE.
Se Rueda non debate é porque ten medo
“En termos de calidade democrática, cantos máis debates haxa, mellor” e, dende esa máxima, o BNG propón un cara a cara entre Alfonso Rueda, como candidato do partido que goberna agora na Xunta, e Ana Pontón, candidata da forza que é a alternativa real a liderar un goberno de cambio. Este tipo de cara a cara son habituais en países do noso entorno, e nas pasadas eleccións “celebráronse non un, senón dous debates e con total normalidade entre Sánchez e Feijóo”, argumentou.
Retou así a Rueda a deixarse de “agochar” e aceptar o cara a cara con Pontón porque, o contrario, significaría que “ten medo” e que “despreza ao conxunto da cidadanía” impedíndolle coñecer “sen filtros” nun medio público cales son as alternativas reais de cara ao 18-F.
Ademais do cara a cara, a proposta do BNG inclúe a celebración de dous debates na TVG entre as diferentes forzas políticas, un ao inicio da campaña (o do día 5) e outro na segunda semana “porque hai moitas temas que abordar e as preocupacións dos galegos son moitas”.