Tras a convocatoria aberta ao Día da Patria do último Consello Nacional, o BNG lanza unha campaña baixo o lema Galiza precisa outro rumbo cun dobre obxectivo: Denunciar a discriminación que soporta a sociedade galega por parte do Goberno central e conformar unha axenda galega cos temas claves para o país que volva colocar no mapa a unha Galiza hoxe “ausente e desaparecida” do debate político do Estado.
Presentada polos responsables de Comunicación da Executiva Nacional, Xavier Campos e Olla Rodil, o Bloque enmarca esta proposta dentro dos actos previos de celebración do 25 de Xullo, e vai “socializar” a iniciativa con todos os axentes económico, sociais e culturais porque considera importante a suma de todos na denuncia do agravio e para que Galiza recupere protagonismo cunha axenda propia.
“É prioritario contar cunha axenda galega de grandes temas arredor dos cales podamos construír grandes acordos de país en beneficio da sociedade galega”, salientou Campos, tras enumerar as cuestións de calado nas que Galiza é discriminada fronte a outros territorios o nos que, simplemente, está esquecida.
Entre eles, o veto á transferencia da AP9 mentres o Estado dispón dun mínimo de 3.500M€ para o rescate das radiais madrileñas, o financiamento autonómico que deixa 50€ menos ca media estatal por habitante nos concellos galegos, a negativa á tarifa eléctrica galega mentres Euskadi conta cunha tarifa propia que acaba de mellorar na negociación dos orzamentos do Estado ou o feito de ter as segundas pensións máis baixas.
“O que denunciamos é que, en todos os grandes temas, o Estado trata a Galiza como un país de segunda categoría, unha denuncia compartida por máis sectores da sociedade como a FEGAMP, desde o campo empresarial que fai esta mesma reflexión sobre o agravio comparativo a respecto doutros territorios, ou igual que entidades sociais, culturais e sindicais que tamén denuncian a necesidade de darlle a volta a situación que estamos vivindo como país”, explicou o secretario de Comunicación, Xavier Campos, na presentación da campaña.
Romper o bucle da irrelevancia
Paro o Bloque o momento actual esixe “política de altura que nos permita como sociedade definir unha estratexia propia de país”, razón pola que, avanzou Campos, a formación nacionalista vai facer unha “apelación directa” a todos os axentes económicos e sociais para frear “o deterioro” da capacidade política, económica e financeira galegas.
“Hoxe somos un país que está desaparecido da axenda política do Estado”, denunciou, consecuencia da “irrelevancia política” a que nos conduce o servilismo de Feijóo como presidente da Xunta.
Por iso, o BNG “convida a romper o bucle no que estamos presos e avanzar”, de aí esta campaña dirixida ao conxunto da sociedade que irá acompañada de reunións con axentes e colectivos, dunha batería de propostas nas institucións, en particular no Parlamento, e dunha intensa campaña de difusión a través das redes sociais con material específico que ilustra a situación de discriminación e a necesidade de definir unha axenda galega.
De feito, a difusión arranca coa presentación da campaña e coa emisión do vídeo Por que estamos como estamos? que sintetiza o contido e os obxectivo desta iniciativa do Bloque.