congreso

BNG denuncia a pasividade e opacidade da CHMS ante os vertidos de augas contaminadas da Mina de Penouta

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego exixe á Confederación Hidrográfica Miño-Sil “actuacións contundentes” ante o risco para a saúde das persoas e o medio natural

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar preguntas dirixidas ao Goberno sobre os vertidos de augas contaminadas na Mina da Penouta, no termo municipal de Viana do Bolo, e as actuacións que ten previsto desenvolver a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Así mesmo, a frente nacionalista denuncia a pasividade e a opacidade do ente público a respecto dos vertidos e demanda actuacións contundentes para que non se repitan as verteduras contaminantes que pon en risco a saúde das persoas e o medio natural.

O BNG formula preguntas ao Goberno do Estado após coñecer unha nova denuncia ante a Fiscalía de Ourense pola existencia de verteduras procedentes da Mina da Penouta. Segundo os datos fornecidos na denuncia, estas verteduras –recollidas dentro do espazo natural da ZEC de Pena Trevinca en Rede Natura 2000- teñen altas concentracións de metais pesados: a presenza de cadmio supera 112,5 o valor máximo permitido e os valores de arsénico tamén se sitúan 30 veces por riba do nivel legalmente autorizado.

De facto, nas augas analizadas superaron igualmente o límite máximo para arsénico en augas de consumo humano que foron datos postos en coñecemento da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Porén, a entidade pública non fixo ningunha analítica para coñecer os parámetros de arsénico.

“É incomprensíbel como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil continúa desatendendo as súas obrigas porque hai que lembrar que esta non é a primeira denuncia que se produce en relación ás verteduras que se producen desde a Mina da Penouta” denuncia o deputado do BNG. Neste sentido, Néstor Rego critica, máis unha vez, a pasividade e a opacidade da Confederación e demanda, máis unha vez, actuacións contundentes ante este suceso.

“Non é a primeira e, de non actuar, non será a última”

Esta non é a primeira denuncia formulada ante a Confederación Hidrográfica en relación ás verteduras da mina da Penouta. Logo dunha denuncia en xaneiro de 2022, a Confederación ditou, un ano e medio despois, un acordo para a non iniciación do expediente sancionador, omitindo a realización de análises do parámetro arsénico, a pesar de ser amplamente coñecida a presenza de arsenopirita e outros minerais xeradores de drenaxes ácidas no xacemento da Penouta.

Nese mesmo procedemento, lembra o deputado do BNG, a Confederación impediu a participación como parte no proceso das entidades de defensa ambiental denunciantes así como o seu acceso á información contida no mesmo, incluíndo as analíticas de auga practicadas, en vulneración da Convención de Aarhus.

Cabe recordar que, con anterioridade, o Servizo Municipal de Augas de Viana do Bolo interpuxo diversas denuncias ante a Administración polos episodios recorrentes de contaminación, que motivaron a incoación de expedientes sancionadores. A Confederación Hidrográfica realizou análises pero, incomprensíbelmente, a pesar de contar cunha presenza notábel de arsenopirita, non analizou o parámetro arsénico. Pola súa parte, a Comisaría de Augas emitiu informe en que se acredita a titularidade do efluente derramado así como a natureza contaminante do mesmo e a existencia de degradación da calidade das augas continentais e considera que debe procederse a propor a incoación dun expediente sancionador contra Strategic Mienrals Spain SL”. Porén, en 10/12/2018 a CHMS acorda non incoar expediente sancionador por ter transcorrido máis de seis meses desde a realización dese vertido contaminante.

Prodúcese unha segunda denuncia da empresa municipal de augas Viaqua ante o 112 Galiza en agosto de 2018, logo de que unha falla crítica nunha das balsas de residuos obrigase a interromper o subministro de auga potábel na localidade de Viana do Bolo, a Confederación incoa o Expte. S-32-0238-18-V. Se ben o organismo hidráulico realiza análises omitindo novamente o parámetro arsénico.

En setembro de 2019, a CHMS impón a Strategic Minerals Spain unha multa de 10.000 euros e sanción de 3.110,40 euros como indemnización por danos e máis unha vez, non analiza o parámetro arsénico. Este tipo de episodios foron recorrentes, como evidencian os Bandos emitidos pola Alcaldía de Viana do Bolo en novembro de 2020 en que se indicaba que quedaba prohibido o consumo de auga potábel no núcleo urbano de Viana ata novo aviso, debido á rotura dunha balsa de auga no Centro Mineiro de Penouta.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG