O BNG denuncia a opacidade informativa da Xunta en relación a transmisión de datos sobre a pandemia en Galiza

Montse Prado
Montse Prado
Propón que se faga un seguimento das augas residuais nas grandes cidades porque aportaría datos moi valiosos para o control da COVID19 e un plan de rastrexo con persoal formado

A transparencia é un deber das institucións públicas e, reclamou a portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, “os galegos e galegas temos o dereito a enterarnos dos datos da COVID19 pola información que transmita o goberno” pero, sen embargo, “a Xunta atópase á cabeza do Estado en opacidade a respecto dos datos do coronavirus. Nin información dispoñíbel, nin actualizada, nin accesíbel nin comprensíbel”.

O último en denunciar a opacidade, indicou, foi o Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza, que remitiu esta semana unha carta ao conselleiro de Sanidade expresándolle a súa preocupación polas dificultades que teñen os e as profesionais dos medios para acceder á información e reclamando transparencia.

Cuestión como quen está realizando os rastrexos, número de persoas que están realizando esta labor, se son profesionais da sanidade pública ou pertencen a unha empresa privada, que tipo de formación e cualificación teñen, que datos manexan, que tipo de coordinación se realiza co persoal de atención primaria..., son algunhas das cuestións reiteradas que non teñen resposta.

Por iso, na comisión de Sanidade a deputada nacionalista reclamou ao Goberno do PP rematar coa opacidade na comunicación da evolución da pandemia en Galiza, e polo tanto facilitar os datos con claridade e transparencia.

Igualmente, deseñar  de inmediato un Plan de rastrexo e detección precoz, co persoal necesario e suficiente dedicado en exclusiva á detección, identificación e seguimento, con equipas formadas e dotadas de protocolos claros para desenvolver este labor. E tamén reclamou a posta en marcha dun plan de monitoreo das augas residuais para realizar a análise da carga viral da COVID19,  que abarque o maior número posíbel de estacións depuradoras, como mínimo todas as cidades, como xa fan noutro países do entorno.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG