A deputada Iria Carreira denunciou este xoves en comisión parlamentaria o estado de “desleixo e abandono” que sofren centros sanitarios de todo o País por falta de mantemento das súas infraestruturas. Entre outros problemas, referiuse a barreiras arquitectónicas que aínda persisten nalgúns centros, aseos non adaptados para pacientes, falta de conservación que levou ao derrube de teitos, humidades ou mala ventilación.
Iria Carreira centrou boa parte da súa intervención nos problemas que afectan aos hospitais da capital de Galiza. “En cuestión de tres meses, tres teitos diferentes derrúbanse en dous dos centros hospitalarios existentes na cidade de Compostela”, denunciou referíndose ao acontecido no Gil Casares e no médico-cirúrxico de Conxo. No primeiro destes centros, lembrou, caeu parte do teito nunha habitación da unidade de Psiquiatría en maio deste ano, e dous meses máis tarde, ocorreu o mesmo no comedor dos pacientes. En agosto, derrubouse tamén o teito dun cuarto en Conxo.
“O propio hospital Gil Casares é un cúmulo de despropósitos”, subliñou a deputada para denunciar o “estado ruinoso” no que se atopa este centro, “con humidades, fiestras en mal estado, problemas no chan, na calefacción, nos baños das habitacións e un longo etcétera, chegando a presentar áreas que levan tempo apuntaladas”.
Malabarismo para ir ao cuarto de baño en Conxo
A situación dista moito de ser idónea tamén no hospital de Conxo, que carece de climatización ou aire acondicionado, “algo que no verán repercute no benestar das pacientes ingresadas polas altas temperaturas que se acadan nos cuartos orientados cara o oeste”, criticou. Este centro, engadiu Carreira, conta cun único aseo para persoas con mobilidade reducida e con baños nos cuartos “nos que o espazo brilla pola súa ausencia”, provocando que as persoas que precisan de cadeira de rodas ou da axuda de alguén teñan que facer “auténticos malabarismos”.
A deputada do BNG referiuse así mesmo ao estado do hospital Psiquiátrico de Conxo que, segundo denunciou mesmo o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura sofre un deterioro significativo, con gran cantidade de humidades, fiestras moi deterioradas ou condicións insalubres para a estancia das persoas, tal e como se apunta nun informe deste organismo.
Na mesma cidade de Santiago, engadiu, o centro de Atención Primaria Concepción Arenal padece tamén problemas coa choiva que, ano tras ano, cando chega o outono, entra pola porta de emerxencias da terceira planta.
Mais as queixas sobre o mal estado dos centros sanitarios non se limitan a Santiago. Iria Carreira aludiu, neste sentido, a queixas de pacientes e familiares ingresados no Materno de Ourense ou do Arquitecto Marcide de Ferrol, onde a día de hoxe “practicamente metade de todas as habitacións” non contan con baño.
A deputada do Bloque criticou a falta de planificación no mantemento dos edificios públicos e acusou ao Goberno do PP de levar a cabo unha política que “deteriora e degrada a sanidade pública” no que a falta de conservación de infraestruturas é unha pata máis, xunto a falta de persoal, listas de espera desbordadas