O BNG traslada ao Parlamento os problemas de financiamento que están a poñer en risco a viabilidade das denominadas Casas Niño, -servizo de atención de crianzas de entre cero a tres anos nos concellos con menos de 5.000 habitantes-, ás que a Xunta adebeda as primas correspondentes aos meses de novembro e decembro de 2017 que afecta a este servizo nas provincias de Ourense e Lugo.
Este incumprimento da Consellaría de Política Social no pagamento está a supor un enorme problema económico para as persoas titulares do proxecto, que deben afrontar o pagamento das súas obrigas tributarias e os custes fixos derivados da actividade, -luz, aluguer, calefacción-, nun servizo que veu substituír ao programa Preescolar na Casa despois de que o PP suprimise o financiamento dun proxecto pedagóxico premiado e recoñecido internacionalmente que fora posto en marcha polo bipartito.
Ante esta situación de impagos presentes e as demoras anunciadas pola propia Consellería, o BNG reclama no Parlamento que a Xunta efectúe o pago inmediato das cantidades adebedadas aos titulares das Casas Niño. Igualmente, reclama un proceso de diálogo para determinar as condicións en que se desenvolverán os pagos, a mellora das condicións nas que están a prestar este servizo e o futuro financiamento do proxecto a partir de 2019.
En 2016 a Xunta de Galiza aprobou a orde pola que se fixaban as axudas para a creación de Casas niño co-financiadas con fondos europeos (FEDER) e con recursos da Consellaría de Política Social por un período de tres anos, repartíndose entre un máximo de 15.000 € de axuda para gastos de investimento e unha prima de 19.600 € ano destinada a apoiar a iniciativa durante a súa posta en marcha, como se indica na propia normativa.
Para constituír o servizo, as persoas interesadas debían darse alta na Seguridade Social como autónomas ou constituírse nunha cooperativa de traballo asociado.
A finais de 2017 a Consellaría de Política Social deixou de pagar as primas ás Casas Niño constituídas en Lugo e Ourense, tras decidir que a contía de 19.600€ anuais serían abonados mensualmente previa xustificación do debido desenvolvemento da actividade.
Co cambio, a Xunta suma unha débeda cos e coas prestadoras deste servizos correspondente ás primas de novembro e decembro de 2017. Ante as queixas continuadas das persoas titulares, a Consellería comprometeuse a pagar a prima correspondente ao mes de novembro mais advertindo que até abril de 2018 non volverían percibir a axuda.
As irregularidades no pagamento das primas foron postas en coñecemento do FEDER polas persoas prexudicadas e na súa resposta indica que a actitude do Goberno galego podía supor un prexuízo para a viabilidade e o mantemento do servizo prestado, pese a que as Casas Niño foi o grande anuncio do PP como servizo para garantir a conciliación da vida familiar e profesional nos concellos rurais de menos de 5.000 habitantes tras suprimir o programa Preescolar na Casa.