O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, advertiu ao Goberno que a costa galega está recibindo unha afluencia masiva de turistas nas últimas semanas, que chegan en automóbiles, autocaravanas e transportes públicos sen ningún tipo de restrición, procedendo moitos deles de provincias que aínda se encontran na fase 1 da desescalada. Rego destaca que “isto supón un importante risco de rebrotes para a poboación galega e o Goberno español, que asumiu para si as competencias en restrición da mobilidade, non está cumprindo coa súa responsabilidade”.
Para o deputado nacionalista, isto resulta máis incomprensíbel cando houbo un empecinamento non xustificado en negar a posibilidade de se mover entre as provincias galegas, a pesar de estaren todas na mesma fase. Nas primeiras previsións do Goberno estabelecíase que a mobilidade dos cidadáns e cidadás entre provincias só se permitiría unha vez terminadas todas as fases da desescalada e así, no momento no que Galiza pasaba a fase 2, o Goberno negaba a posibilidade de mobilidade interprovincial dentro do noso País.
Néstor Rego denuncia a incoherencia de non ter permitido a libre mobilidade en todo o territorio galego, como reclamara o BNG no Congreso, alegando a necesidade de seguir controlando os movementos da poboación, en canto non actúa para impedir os movementos procedentes de todo o Estado de miles de persoas cara ás costas galegas a pesar de seren irregulares e suporen un risco importante.