O BNG denuncia “extorsión” das eólicas a propietarios e concellos coa complicidade da Xunta

Mazaricos
Mazaricos

No concello de  Mazaricos, os deputados do BNG, Luís Bará e X.Luís Rivas anuncian  iniciativas para unha distribución xusta dos beneficios xerados polos parques eólicos 

O alcalde de Mazaricos denuncia  “chantaxe” a propietarios para o asentamento de novos parques e pide modificar a normativa para beneficiar ao concello pola actividade eólica

Os portavoces de Medio Ambiente e Medio Rural  Luís Bará e Xosé Luís Rivas denuncian “extorsión” das empresas eólicas a propietarios e concellos coa conivencia da Xunta de Galiza.

Trala súa  visita a Marzaricos, onde mantiveron unha xuntanza co alcalde, Xan Blanco para analizar o impacto dos parques eólicos no concello, os deputados do BNG lembraron que Mazaricos conta cunha actividade económica baseada na gandería nun concello de 200 Km cadrados e 1.000 Km de vías municipais que xunto ao abastecemento de auga e saneamento representan as principais necesidades do investimento público.

Neste sentido, Xan Blanco, alcalde de Mazaricos trasladou aos deputados do BNG o problema de novos parques eólicos que buscan asentarse no concello, ocupando terras de uso agrario e gandeiro. Segundo o rexedor, as empresas utilizan “a chantaxe da declaración de utilidade pública e a expropiación para mercar terras a prezos moi baixos e maximizar  beneficios”. Segundo datos do concello, os parques eólicos implantados en Mazaricos,  “120 muíños, xeran máis de 30 millóns de euros anuais, mentres que concello e propietarios das terras reciben auténticas migallas”.

Para Xosé Luís  Rivas, “estamos diante dun auténtico espolio dos recursos e da riqueza do territorio, dunha rapina perpetrada coa complicidade da Xunta de Galiza, que aprobou a chamada lei de depredación para poñerlle fácil ás empresas a tramitación dos parques, pasando por riba dos intereses dos propietarios das terras e dos concellos”. Rivas defendeu a necesidade de mudar este modelo por unha relación na que os beneficios  se repartan dunha maneira máis xusta entre administración, empresas e propiedade.

Impacto dos parques eólicos na Devesa de Anllares

O mandatario municipal e os deputados nacionalistas tamén analizaron o impacto dun dos parques eólicos na Devesa de Anllares, un bosque atlántico de 50 Ha situado á beira do Xallas, “auténtica alfaia natural e que debe ser obxecto da máxima atención e protección”. Segundo afirmou Luís Bará, “este valioso espazo natural estaba incluído nas ampliacións da Rede Natura iniciadas en 2008 e 2011, ampliacións que foron paralizadas pola Xunta de PP precisamente para salvagardar os “intereses de grandes empresas do sector enerxético e forestal”. No caso de Anllares, recalcou “a paralización da súa inclusión na Rede Natura abriu as portas á tramitación dos proxectos dunha minicentral hidroeléctrica e do  parque eólico”.

Mazaricos reclama o 50% do Canon eólico que recada a Xunta

 O rexedor nacionalista de Mazaricos informou aos deputados do BNG da reclamación do concello á Xunta de Galiza a respecto do Fondo de Compensación Ambiental. Segundo o alcalde, a Xunta recada 700.000€ do canon eólico mentres o  concello  recibe 200.000, cando debería recibir como mínimo o 50%. Ademais, os fondos teñen carácter finalista, polo que deben ser investidos anualmente en tarefas relacionadas co medio ambiente. A este respecto, Blanco demanda unha  modificación da  normativa para que os concellos reciban unha porcentaxe maior e poidan dedicar os fondos a proxectos plurianuais, como o plan municipal de mellora da rede de abastecemento de auga, unha obra, dixo, “absolutamente prioritaria para garantir o abastecemento domiciliario e o subministro a explotacións gandeiras”.

Iniciativas no parlamento en setembro

Os deputados do BNG comprometéronse a presentar iniciativas no inicio do período de sesións para defender a Devesa de Anllares, unha distribución xusta do Fondo de Compensación Ambiental así como  dos beneficios xerados polos parques eólicos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG