O BNG denunciou no Pleno da Cámara “o maltrato” do Goberno do PP a unha Rede Natura “de por si escasa”, denunciou o portavoz de Medio Ambiente, Luís Bará, que acusou aos Populares de non fomentar a biodiversidade e, pola contra, “fomentar a bioperversidade”.
Bará recriminou á conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ánxeles Vázquez, que Galiza “leve 25 anos sen aprobar a creación dun parque natural, o último foi a Fragas do Eume”, crítica á que sumou o feito de que o eucalipto “entrase no bosque atlántico, un patrimonio moi prezado para Galiza”.
O portavoz de Medio Ambiente recriminou aos Populares a súa “deixadez e servisilismo” aos intereses alleos ao medio natural galego. Para exemplificar este argumento puxo como exemplo o caso da Rede Natura 2000, “a principal rede de protección da natureza en Europa, sabe que posto ocupa Galiza nela? O penúltimo”, reprobou, e puxo o foco de que o País vaia “só por detrás de Melilla, porque só temos o 12% do territorio protexido na Rede Natura, non lle da vergoña este resultado, señora conselleira?”, inquiriu a Ángeles Vázquez.
O parlamentario nacionalista acusou ao Executivo dos Populares o seu “servilismo aos lobbys, que os teñen a vostedes como xestoría”. De feito, argumentou que “estes lobbys dixeron que non querían a Rede Natura, díxoo a Cámara Mineira galega, e logo vemos como se tramitaron os parques eólicos que están danando a Rede Natura”, a actitude, resumiu, “dun goberno bulldozer do medio ambiente en Galiza”.
O deputado do Bloque puxo como exemplo do “maltrato” ao ecosistema o caso da Tartaraña Cincenta, “unha ave que en 2008 tiña un plan de conservación e que vostedes os gardaron nun caixón, das múltiples especies de ave ameazadas só teñen 3 plans de conservación”, denunciou fronte un PP “no que non hai nin conservadores nin conservacionistas”
Fronte os “pobres datos” nos que se atopa o País, Bará expuxo os doutros lugares do Estado como Asturias “que está no 29% e Madrid, protexido en Rede Natura co 40%”, unha rede de protección do medio ambiente “maltratada polo PP”. A Rede Natura galega, explicitou, ten procedementos abertos de infracción por mala conservación “porque vostedes nin cumpren co convenio de Montreal”, denunciou. Neste sentido, Bará exhibiu varias fotografías onde se observan varias fochancas de profundidade no espazo protexido de O Iribio sobre as que sinalou “unha realidade, unha desfeita que tivo que ser paralizada apola Xustiza, como van reparar este dano en Rede Natura”.
“O BNG percorre, coñece e quere a este País”, argumentou o portavoz de Medio Ambiente, “e vemos como as brañas e as turbeiras están sendo desexadas para poñer eucaliptos a esgalla, son vostedes pioneiros na práctica do ecoicidio”, reprobou á conselleira de Medio Ambiente.
Bará defendeu “un modelo alternativo” na xestión dos espazos protexidos en Galiza “para sermos vangarda na diversidade biolóxica, con todas as cores da paisaxe, cunha ampla rede de espazos naturais, cun conxunto de instrumentos de xestión para garantir esa biodiversidade” fronte un PP para o que a Rede Natura é un castigo, “mentres que noutros lugares, como Asturias, conseguiron conciliar o territorio co desenvolvemento sustentable. A Galiza do porvir será referente no coidado do medio e da biodiversidade”, concluíu.