O deputado electo por Ourense, Iago Tabarés denuncia o derrube da ponte de Xunqueira de Espadanedo, a pesar das advertencias realizadas por esta forza política sobre o deterioro das condicións da infraestrutura.
O nacionalista exixe responsabilidades e acusa á Xunta de “desleixo” por non tomar as medidas necesarias para impedir a caída da ponte que finalmente produciuse esta mañá no tramo da estrada OU-536.
Tabarés lembra que en diversas ocasións, o BNG denunciou as deficientes condicións da ponte e advertiu que o firme podía ceder en calquera momento e tanto a diminución do tránsito como o reasfaltado non impediron que así acontecera.
O BNG pide explicacións e responsabilidades por un derrube que podía producirse en calquera momento polo grave deterioro da ponte sobre a que non se tomaron as medidas necesarias, a pesar das advertencias sobre o risco de caída.
Iago Tabarés salienta que “afortunadamente” o derrube da ponte non provocou danos persoais e reitera que deben determinarse as responsabilidades pola falta de adopción de medias para corrixir as deficiencias xa “advertidas” na execución do proxecto de acondicionamento e reparación do firme. Ao seu xuízo, o máis importante é “evitar os riscos para as persoas que circulan por esta vía”