O BNG denunciou no Parlamento a carencia dunha política clara de inspección industrial en Galiza. A formación nacionalista emprazou ao Goberno do PP a informar sobre a situación en materia de seguridade industrial responsabilidade da Xunta, sen que os Populares puideran aportar ningún tipo de información significativa.
“A Xunta incumpre as súas obrigas en materia de Seguridade industrial, e que ademais o que incumprimento é total, non se trata de que este ano non trouxeran o informe ao Parlamento, é un incumprimento de carácter esencial”, denunciou o portavoz de Industria, Ramón Fernández Alfonzo, que acusou ao Goberno do PP de desatender “as cuestións máis básicas que permitirían falar dun auténtico sistema de seguridade ou unha política de seguridade industrial. Non existe, non hai ninguén ao volante”.
A materia da seguridade industrial abrangue a necesidade “de que as instalacións, equipos e mesmo produtos industriais estean en perfectas condicións para evitar riscos e accidentes”, detallou o portavoz de Industria, uns accidentes “que poden afectar ás persoas traballadoras e usuarias, por exemplo, dunha piscina municipal, dun centro de ensino, ou veciños e veciñas dunha instalación industrial como unha fábrica, unha nave de almacenamento ou unha gasolineira”.
A radiografía desta necesaria inspección industrial, remarcou Fernández Alfonzo, reside no rexistro ao que está obrigado a Xunta por normativa estatal, un rexistro “que hoxe está moi incompleto, sen que teñan vostedes estratexia algunha para completalo e facelo funcional para os seus obxectivos, que son garantir a Seguridade de todas as instalacións sometidas a control regulamentario existentes na Galiza”, denunciou.
O deputado do BNG recriminou ao Executivo do PP “por incumprir a súa propia normativa en seguridade industrial”, unha decreto que cumpre 8 anos baseado nunha normativa anterior que, polo tanto, “moitas destas cuestións xa figuraban nesas normas anteriores refundidas no 2015”, criticou.
Fernández Alfonzo recriminou que, ademais de non contestar ás preguntas sobre o estado da seguridade industrial en Galiza, os Populares afirmen “que chegan ao 100% do tecido industrial de Galiza”, o que resulta “unha afirmación moi moi atrevida e absolutamente incríbel” debido a casos recentes como o suceso do incendio da nave de Pontesa en Pontevedra en novembro do pasado ano “que agora está a ser investigado, mais que resulta evidente que non cumpría desde hai moitos anos coa normativa de Seguridade e que estaba completamente fora do radar da administración”, denunciou. Para o parlamentario nacionalista este accidente “é exemplo das carencias no sistema e na política de seguridade industrial da Xunta que son fondas e estruturais”.
Unha verdadeira política de seguridade industrial sobre a cal precísanse achegas sobre as que o Goberno do PP “non informa porque realiza plans sen ningún tipo de publicidade”, criticou o portavoz de Industria, “porque non existe ningún organismo de participación dos axentes económicos e sociais”, polo que aludiu á necesidade “dun foro onde se coñezan cales son os criterios polos que se recollen ou non as achegas”.