O BNG denuncia que a Liga de Fútbol Profesional non comunicou ás autoridades sanitarias correspondentes a detección de varios positivos por COVID19, un xogador e tres do corpo técnico, ocultando información de vital importancia para a saúde da poboación xeral e facendo prevalecer o interese comercial e empresarial da Liga sobre a saúde pública. “Esta actitude neglixente e irresponsábel por parte da Liga debe ser investigada para garantir que a saúde se antepoña sempre ao interese económico dos clubs e marcas comerciais implicadas” salientou o deputado Néstor Rego.
O BNG solicitou ao Goberno que se esclarecese se o Consello Superior de Deportes tiña coñecemento da detección dos casos positivos da COVID19 no cadro de xogadores do Club de Fútbol Fuenlabrada e se aínda así permitiu o desprazamento dos xogadores en lugar de comunicar ás autoridades sanitarias a situación para determinar o seu confinamento preventivo por razóns de saúde pública xeral.
O nacionalistas denuncian que se permitise que o equipo visitante se desprazase en avión desde Madrid, onde entrou en contacto con outros pasaxeiros e pasaxeiras, e á súa chegada se aloxase nun céntrico hotel da cidade, onde tamén se hospedaban outras persoas e que se lles permitise realizar as súas actividades con normalidade -incluído saír do hotel-, pondo en risco a saúde xeral ao expor a poboación a un posíbel contaxio.
Néstor Rego advertiu que “a posibilidade dun rebrote, ademais de pór en risco a saúde dos cidadáns e cidadás da Coruña, tamén suporía un duro golpe para a economía dunha cidade que aínda se está recuperando da crise social e económica provocada pola emerxencia sanitaria”.