O BNG denunciou na Cámara o mal reparto das novas axudas ao sector cárnico por consecuencia da guerra de Ucraína, onde se producen fortes descompensacións entre axudas recibidas e cabezas de gando posuídas.
O portavoz de Gandaría, Xosé Luís Rivas, lembrou que o Goberno do PP xa no pasado 2022 excluía nas devanditas axudas aos xatos nados e criados na mesma granxa e botaba as culpas ao Ministerio de Agricultura das “escasas partidas”, cando hoxe é a propia Xunta quen erra nas contas e provoca situacións como “a dun produtor que, con 4 cabezas de gando, cobra case 200 euros por res e un produtor con 10 cabezas cobra 79 euros”, argumentou, debido á adxudicación das axudas por tramos.
Neste sistema por tramos empregado pola Consellería de Medio Rural, remarcou Rivas, “con 11.854 produtores e produtoras o total orzamentado pola Xunta de Galicia a cantidade das axudas debera ser de 18.415.640 € e non 17.156.000 €” polo que faltan 1.259.640 euros nas axudas ao sector. “Non lles interesan as boas prácticas no agro, vostedes van ao grande”, ironizou.
Ademais, sinalou, o réxime de concesión destas axudas queda condicionada “a quen chegue antes coa documentación e de xeito obrigatoriamente dixital”, o que ao xuízo do deputado do Bloque establece “de facto” unha discriminación nun sector que debido ao medio no que traballa e as súas características non goza dunha boa e accesible conexión dixital, un método, en definitiva “do cal descoñecemos as razóns para que o empregue a consellería de Medio Rural”.
Fronte esta falta de previsión do Goberno do PP, o portavoz de Gandaría emprazouno a “pagar equitativamente e non discriminar aos e ás titulares”, modificar o réxime de concesión das axudas ao sector cárnico e trocar a orde de concorrencia por unha axuda por animal primable, a ampliar a contía das axudas para compensar os 1.259.640 euros que faltan e a “establecer a tramitación destas, e de tódalas axudas públicas activadas pola Xunta de Galiza, polo procedemento de concorrencia competitiva”, concluíu. Propostas que se atoparon coa negativa dos Populares no Parlamento.