congreso

BNG demanda rexeitar o macroproxecto da Central Hidroeléctrica Reversíbel de Castrelo de Miño

Néstor Rego
Néstor Rego

“Non se pode permitir o avance de macroproxectos que, alén de agudizar a sobreexplotación de recursos, agravan un modelo enerxético que non ten en conta as necesidades socioeconómicas e ambientais do territorio” alega Rego

Planificación, ordenación e avaliación ambiental: requisitos que defende o BNG ao Goberno do Estado, en colaboración coa Xunta de Galiza, para a produción enerxética

O Bloque Nacionalista Galego exixe ao Goberno do Estado rexeitar o proxecto da Central Hidroeléctrica Reversíbel “Castrelo de Miño” promovida pola empresa San Isidro Solar 3 SL. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, chama a abrir un proceso de diálogo coa Xunta de Galiza para evitar a instalación masiva de macroproxectos para a produción enerxética na Galiza, protexendo os intereses dos galegos e galegas, e comezar a debida planificación, ordenación e avaliación ambiental dos proxectos. Alén do máis, demanda a transferencia plena das competencias en materia enerxética.

Nestes momentos atópase en tramitación no MITECO o proxecto de central hidroeléctrica reversíbel “Castrelo de Miño” -de 260MW de bombeo, 205MW de potencia de turbinación xunto á súa subestación e liña de evacuación- promovida por San Isidro Solar 3 SL. O macroproxecto, posto que non pode analizarse de forma illada por estarse tramitando outros proxectos que suporían pasar de 4.000MW a 7.000MW, afecta aos concellos ourensáns de Castrelo de Miño, A Arnoia, Cartelle e ao resto de concellos da comarca do Ribeiro.

A organización nacionalista quere que o Goberno do Estado e, no concreto, o Ministerio para a Transición Ecolóxica rexeite a elaboración do documento de determinación do alcance do Estudo de Impacto Ambiental para protexer os intereses dos galegos e galegas ante o prexuízo ambiental, económico e social que tería a súa autorización e construción.

“Entendemos que é necesario continuar e avanzar na descarbonización, mais é necesario pensar un novo modelo enerxético que teña en conta as necesidades da Galiza e non só o seu potencial xerador” sinala o deputado do BNG no Congreso. Ourense, continúa o deputado, ten unha enorme potencia hidráulica con máis de 50% da grande hidráulica da Galiza e, pola contra, isto non serviu para xerar postos de traballo ou un retorno económico directo para compensar o impacto social, económico e ambiental.

“O proxecto Castrelo de Miño suporá, en calquera das alternativas de construción propostas, un enorme impacto na mobilización de terras e o seu enterramento” asevera Rego. O informe inicial, a pesar de ser enormemente xenérico e falto de concreción, xa avanza unha grave afectación: “a especies vulnerábeis, a hábitats de interese comunitario, a necesidade de construír novas vías no medio natural, a afectación a recursos hídricos superficiais e subterráneos, o risco de erosión...” enumera.

Planificación, ordenación e avaliación ambiental

“Cremos que é o momento de que o Goberno do Estado abra un proceso de diálogo coa Xunta de Galiza para evitar a instalación masiva de macroproxectos para a produción enerxética na Galiza” engade o deputado do BNG sinalando a necesita de transferir a Administración galega as competencias en materia enerxética. Para Néstor Rego, debe existir unha planificación, ordenación e avaliación ambiental de forma conxunta, tendo en conta todos os proxectos en tramitación.

“Non se pode permitir o avance de macroproxectos que agudicen a sobre explotación dos recursos naturais, é necesario mudar un modelo enerxético que, xa neste momento, é alleo ás necesidades socioeconómicas e ambientais, ademais de servir en exclusiva para o maior empobrecemento das comarcas ourensás” conclúe Rego.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG