BNG demanda recuperar a atención presencial sen cita previa na Administración do Estado

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego exixe recuperar en todos os organismos e entidades dependentes da Administración do Estado a atención presencial directa sen necesidade de cita previa, especialmente cando só se pode conseguir a través de medios telemáticos.

A frente nacionalista defende reforzar os servizos de atención á cidadanía a través da dotación de máis persoal e medios suficientes con horarios adecuados para cumprir a función de servizo público

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa para eliminar a cita previa obrigatoria e a mellora da atención presencial nos organismos e entidades dependentes da Administración do Estado, sen necesidade de posuír cita previa e artellando medios de solicitude de cita alternativos aos telemáticos. A organización nacionalista demanda estabelecer os medios suficientes, dotando as oficinas do persoal necesario, e un horario adecuado para garantir a súa función de servizo público.

O remate das medidas de restrición de contactos e movementos con motivo da pandemia da COVID-19 non se trasladaron as oficinas pertencentes a Administración Xeral do Estado. De facto, nos últimos meses, multiplicáronse as denuncias por parte da cidadanía pola dificultade de acceso aos servizos públicos xa que as oficinas aínda continúan aplicando limitacións á atención presencial. As oficinas do Rexistro Civil ou da Seguranza Social -entre outras oficinas dependentes da Administración do Estado como as de estranxeiría, rexistro, as propias comisarías da Garda Civil, etc.- exixen a obtención de cita previa que só se pode obter de forma telemática o que está a provocar graves dificultades de acceso e desigualdades entre a poboación.

“Para moitas persoas resulta imposíbel solicitar unha cita presencial xa que as canles estabelecidas para solicitala son telemáticas, sen que se permita conseguila de maneira presencial ou por teléfono” denuncia o deputado do BNG. Néstor rego explica que moitas persoas carecen dos coñecementos ou dos medios necesarios para solicitar a cita a través de internet, “facéndoas depender doutras persoas para realizar os seus trámites”.

Ademais, a esta fenda dixital, tamén se suma que na meirande parte dos casos existen problemas e dificultades que o propio sistema xera: “moitas das aplicacións non funcionan adecuadamente ou non permiten solicitar cita máis aló do curto prazo, polo que as e os usuarios deben estar pendentes do seu computador para lograr unha cita en canto esta estea dispoñíbel” asevera Rego.

“O Goberno do Estado debe recuperar en todos os organismos e entidades dependentes da Administración Xeral do Estado a atención presencial directa, sen necesidade de cita previa, así como artellar os medios de solicitude de cita alternativos aos telemáticos e incluír a solicitude presencial” demanda o deputado nacionalista. Neste sentido, Rego engade na demanda reforzar os servizos de atención a través da dotación de medios e persoal suficiente “nas diferentes oficinas” e adecuar o horario de atención á cidadanía “para garantir a súa función de servizo público”.

Todas estas deficiencias na atención á cidadanía materialízanse en numerosas queixas, algunhas delas tramitadas ante o Defensor do Pobo que dirixiu recomendacións para que se corrixa e mellore o servizo de atención presencial evitando discriminacións. “É imprescindíbel que a Administración reverta esta situación. Non basta con eliminar as posíbeis restricións ou limitacións derivadas da COVID19 para impedir contaxios. A presencialidade non pode ser unha forma en extinción destinada a desaparecer, é imprescindible asegurala para garantir realmente o servizo público á cidadanía” finda Rego.




 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG