BNG rexistra iniciativas no Congreso reclamando que se inclúa dentro do Proxecto de Construción “Reposición de Viario en Chapela Autopista de Redondela” todas as actuacións pendentes que deberían ser realizadas para lograr a humanización da infraestrutura. Así, a organización nacionalista, após o contacto coas distintas asociacións veciñais e entidades sociais demanda a ampliación do paso elevado de Trasmañó, a reposición da vía paralela á AP-9 e mesmo o paso peonil elevado no camiño de Mouriño co obxectivo de humanizar o tramo enlace Morrazo con Teis.
Após a aprobación provisional o pasado xullo de 2020 do Proxecto de Construción “Reposición de Viario en Chapela ( TM de Redondela) Autoestrada AP-9. Tramo: ligazón Morrazo – enlace Teis” a formación nacionalista escoitou a veciñanza da vila que reclama a inclusión no proxecto, de medidas importantes que permitan integrar a autoestrada na parroquia de Chapela. Por este motivo, o deputado do BNG no Congreso solicitou a incorporación dunha serie de actuacións que deberían ser abordadas, necesariamente, no proxecto.
En primeiro lugar, respecto ao paso elevado de Trasmañó, “debe incluírse na ampliación da ponte a instalación dunha pantalla ou valo de seguridade que supere o metro de altura, para así mellorar a seguridade das persoas que transiten pola mesma e evitar tamén a caída de obxectos sobre a autoestrada”. E tamén deben ser repostas todas as medidas de sinalización visual para garantir a seguridade viaria, instalar unha iluminación suficiente, pavimento antiescorregadizo e limitar a velocidade a trinta quilómetros por hora.
Así mesmo, o deputado nacionalista recorda a necesidade de repoñer a vía paralela á AP-9 entre o camiño das Laxes e o camiño de San Antonio (Río Frío) e incluír a construción de beirarrúas no espazo máis próximo ás vivendas. “Este camiño foi empregado por maquinaria pesada para a construción dun muro de contención sobre a propia autoestrada, o que supuxo un grave deterioro do firme” apunta Rego. “Tamén é necesario que se inclúa no camiño de Mouriño a construción dun paso para as persoas viandantes. Debe ser un paso sobreelevado, solucionando así o acceso á farmacia e cumprindo tamén coa normativa en materia de accesibilidade” engade a formación nacionalista.
“Resulta imprescindíbel que as obras humanicen o espazo e, para reducir o impacto visual do muro da autoestrada, deberían instalarse pantallas vexetais nese tramo, así como repoñer todos aqueles elementos patrimoniais retirados pola ampliación da autoestrada durante as obras” destaca Rego. Alén do máis, o deputado tamén engade a mellora da pasarela peonil do Camiño da Igrexa, para eliminar barreiras arquitectónicas, corrixir a súa iluminación e prolongar o carril de aceleración de acceso á autoestrada desde a avenida de Redondela para garantir a seguranza viaria nas incorporacións.