Parlamento Galego

O BNG demanda da Xunta unha solución definitiva para a contaminación do Eume que pasa pola retirada dos lodos

Río Eume (Foto: @iagovarela)
Río Eume (Foto: @iagovarela)

Fernández considera que as recentes verteduras no río responsabilidade de ENDESA supoñen “a crónica dun desastre anunciado”

Demanda do Goberno que avalíe a repercusión da presenzas destas lamas nos bancos marisqueiros da marisma do Eume

O BNG, a través dunha proposición non de lei no Parlamento, demanda do Goberno da Xunta que avalíe o impacto que a contaminación do Río Eume ten sobre os bancos marisqueiros da marisma do Eume, adoptar medidas que a corrixan para evitar unha afectación negativa e que manteña informado ao sector do mar.

A iniciativa presentada polo deputado pola comarca de Ferrolterra, Ramón Fernández, ven precedida da súa intervención na Comisión de Medio ambiente na que interpelou ao Goberno do PP sobre o último episodio de contaminación nas augas do Eume responsabilidade de ENDESA, despois de que as lamas do encoro de Capela chegaran ao río que nutre de auga potable a Pontedeume.

“Foi a crónica dun desastre anunciado porque a nómina de abusos e malos usos por parte de ENDESA e tan extensa como coñecida”, denunciou Fernández, “porque nunca tomou medidas para evitar que os residuos da súa actividade mineira nas Pontes chegaran até o encoro, porque nunca realizou dragados para retirar as lamas que estaban sedimentando no fondo, acumulándose sobre todo contra os desaugues, e porque provocou a seca de varios quilómetros de río ao non cumprir o caudal ecolóxico”.

Ramón FernándezEn aras da protección do parque da Fragas do Eume, dos bancos marisqueiros da desembocadura do río e, especialmente, para preservar a saúde pública a través do consumo da auga, o Bloque propón como solución “extraer dun xeito definitivo a totalidade das lamas que están no fondo do encoro e darlle a eses residuos o tratamento que lle corresponde pola súa toxicidade e perigosidade”, explicou o deputado nacionalista. Por contra, o criterio da Xunta asumindo a proposta da propia ENDESA foi recolocar as lamas no fondo da presa que, finalmente, chegaron ao río provocando problemas na estación depuradora do Concello de Pontedeume.

Unha depuradora que, “loxicamente”, recalcou Fernández, non está preparada para tratar uns niveis de sedimentos na auga moi superiores aos habituais e aos máximos permitidos. “Curiosamente parece que a Xunta vai destinar millón e medio de euros a reformar a depuradora, non sabemos se para que a partir de agora poida asumir estes elevadísimos niveis de sedimentos, dado que a propia ENDESA afirma que estas verteduras van repetirse no futuro”, advirte.

Para o Bloque, o anuncio da Xunta de apertura de expediente a empresa e de que será esta quen corra cos gastos para reparar os danos causado é imprescindible, pero non suficiente.

“Hai que realizar análises que cubran todo o espectro de contaminantes que poden estar presentes nuns lodos que teñen a súa orixe en actividades mineiras e compartir a información cos concellos e partes interesadas, incluída a xunta consultiva do Parque natural Fragas do Eume”, reclama o deputado do BNG, todo iso, insiste a formación nacionalista, sen perder de vista que o obxectivo debe ser darlle unha solución definitiva a este problema que pasa pola retirada dos lodos do fondo do encoro e polo seu traslado e tratamento como residuos perigosos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG