Parlamento Galego

O BNG defenderá no Parlamento unha iniciativa para instar a Xunta a crear o Conservatorio de Danza en Compostela

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
“Cómpre planificar a dotación de conservatorios de danza para vertebrar o territorio e facilitar os estudos profesionais”, sinala a deputada Mercedes Queixas

O grupo parlamentar do BNG rexistrou unha Proposición Non de Lei, logo dunha reunión coa Plataforma pola creación dun Conservatorio de Danza en Compostela, para instar a Xunta de Galiza a se comprometer coa próxima construción desta instalación e incluír este proxecto nos Orzamentos de 2021. Ademais, insta o Goberno galego a planificar a dotación de conservatorios de danza que vertebre o territorio para facilitar os estudos profesionais ao alumnado que reside no centro-sur do país.

Segundo recolle o texto da proposición, “a importancia cultural e económica que se desenvolve arredor do ámbito da danza e das artes en xeral fai que a súa expansión sexa unha oportunidade real de reactivación sociolaboral para o conxunto de Galiza”.

A Plataforma pola creación dun Conservatorio de Danza en Compostela xurdiu ao abeiro dunha iniciativa aprobada polo Pleno do Concello de Santiago de Compostela en novembro de 2019, presentada polo BNG, mediante a que o Concello se comprometeu “a xestionar coa Xunta a colaboración necesaria para implantar un Conservatorio de Danza en Santiago de Compostela.

Esta demanda está sustentada, por unha banda, en datos ben relevantes compilados pola plataforma a respecto do numeroso alumnado asistente a escolas e academias privadas na cidade de Santiago e na súa contorna, así como na oferta de actividades extraescolares nos diferentes centros de ensino e, pola outra, nas máis de 4.000 sinaturas que leva recollidas esta plataforma nunha campaña informativa que aínda segue aberta.

“Ao abeiro destes datos, cómpre ampliar a oferta de prazas de formación en estudos profesionais de danza na cidade de Compostela, centro xeográfico do país e con posibilidades de dar servizo a unha ampla poboación para alén do propio concello, mais non como un fin en si propio, senón como un primeiro paso que dea resposta á demanda e, ao tempo, leve aparellada a realización dun necesario estudo que ofreza a radiografía das necesidades de formación en estudos profesionais de danza para cubrir o conxunto do país”, explicou Mercedes Queixas.

En Galiza, o único centro de danza profesional dependente da Consellería de Educación que existe é o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo dende o curso 2003/04. No mesmo, impártese o grao elemental e profesional de danza– nas especialidades clásica e contemporánea– onde alumnado obtén, ao seu remate, o título profesional de danza onde consta a especialidade cursada.

Transcorridos 17 anos da apertura deste Conservatorio de Danza en Lugo, constátase que non está debidamente atendida a demanda social en Galiza, tal e como confirma a Plataforma pola creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Compostela.

Na reunión con representantes desta plataforma participaron, ademais de Mercedes Queixas, o deputado Manuel Lourenzo e a portavoz municipal do BNG no Concello de Santiago, Goretti Sanmartín Rei. Por parte da plataforma asistiron Berta Secall, Xiana Vilas e Emilio Mesías.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG