“A situación cos terreos interiores do porto e co financiamento de Punta Langosteira é un exemplo de manual da discriminación do Estado e do inútil que resulta ter deputad@s que en lugar de defender os intereses dos e das galegas están para facer o que mandan os seus xefes dende Madrid”, denunciou Ana Pontón tras lembrar que o Estado investiu nos portos de Xixón, Valencia, Barcelona e Bilbao máis de 5.000 millóns de euros.
Neste sentido, pregúntase “porque razón non hai o mesmo compromiso coa Coruña e aquí se pretende vender uns terreos que son da cidade e que deben volver a mans da cidade cando cesen os usos portuarios”, explicou. “O compromiso do BNG é claro: condicionaremos o goberno do Estado a que financie Punta Langosteira e que os terreos do porto interior sexan devoltos á cidade”, sintetizou.
Transferencias
O candidato Nestor Rego fixo explícito o seu compromiso para face valer as demandas da Coruña a partir do 28A nun Congreso sen maiorías absolutas a partir.
“Que se atendan as principais reclamacións da cidade basicamente en tres aspectos. A condonación da débeda de Punta Langosteira finiquitando a discriminación con respecto ao porto de Valencia, dotación e execución orzamentaria dos 140 millóns de euros necesarios para a conexión co porto exterior que lle da operatividade e competitividade e, en terceiro lugar, que os terreos do porto interior sexan devoltos á cidade da Coruña”, explicou.
Rego tamén salientou a aposta dun BNG decisivo no Estado para conseguir a transferencia dos portos, “porque ninguén mellor que nós e desde aquí sabemos cales son os problemas e cales son as solucións, ninguén nun despacho na Castellana vai coñecer mellor o porto da Coruña, as súas necesidades e usos que os galegos e as galegas desde o noso país”, concluíu.