parlamento galego

BNG defende un novo “status político” para Galiza reforzando o autogoberno e reclamando as transferencias e traspaso de funcións e servizos

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará defendeu “unha axenda ambiciosa” de transferencias para que Galiza poda desenvolver todas as capacidades políticas, económicas, e orzamentarias

O deputado do BNG, Luís Bará defendeu unha proposición non de lei para reclamar “un novo status político” para Galiza reforzando o autogoberno a través das transferencias e traspaso de funcións e servizos.

Na súa intervención, o deputado criticou que durante 13 anos non se reunira ningunha vez a Comisión Mixta de transferencias e “en catro lexislaturas o Popular non demandara unha soa competencia”. Para o nacionalista, o PP na Xunta foi o “maior inimigo” do autogoberno galego”.

Bará  recalcou que o goberno da Xunta estivo “13 anos en branco” e para agochar a súa inutilidade culpabiliza ao goberno do Estado. O nacionalista tamén  cualificou de “triste récord” de Rueda e Feixóo, un binomio “letal” para o autogoberno, únicos presidentes da historia da autonomía galega que non conseguiron “ningunha competencia para Galiza”.

A vostedes, dixo, quédalles grande a autonomía e o Estatuto, porque ían para autonomistas reconvertidos no seu día e remataron sendo “rexionalistas de mesa camilla” e “centralistas recalcitrantes”.

Cando o Partido popular comezou a gobernar  no ano 2009 prometía urxir ao estado a convocar a comisión bilateral de cooperación para votar o traspaso de competencias e anunciaba que o  goberno galego solicitaría   a transferencia de 17 competencias, entre elas “a titularidade da AP-9 e AP-53”, competencias en Meteoroloxía e ordenación do sector pesqueiro de do litoral. Todas estas reclamacións, criticou o nacionalista, seguen sen resolverse.

Feixóo, dixo, Bará deixou unha frase moi ilustrativa, “iniciaremos a fase de maior atogoberno de Galiza”, pero en realidade, o que anunciou  o Partido popular “foi a maior fase de parálise”, o retroceso e recentralización poñendo paus na rodas en todas as demandas que o BNG traía ao Parlamento ou levaba ao Congreso.

“Puxeron trabas a transferencia de tráfico e seguridade viaria” e  converteron en papel mollado o desenvolvemento da  policía autonómica prevista no estatuto. O PP vetou a transferencia da lei de Costas e tamén vetaron a transferencia da AP-9 tras ser aprobada de maneira reiterada no Parlamento galego e despois “vetada no Congreso dúas veces polos informes de Rajoy e o veto da presidenta da Mesa do Congreso, Ana Pastor”, no ano 2016. O deputado do BNG lembrou que no ano 2021 foi admitida a trámite e o PP e PSOE paralizaron esta tramitación  durante dous anos para impedir a súa aprobación.

O veto do PP á transferencia da AP- e o agasallo de 25 anos de concesión

Neste sentido, acusou ao PP de “traizoar” á Cámara galega e non respectar os acordos e agora presumen, dixo,  de ter presentado unha iniciativa onte, despois de seren rexistrada hai uns días polo BNG para retomar a transferencia da AP-9. Todos os galegos e galegas debémoslle ao PP o incremento das peaxes e sobre todo o “incremento de 25 anos de concesión da infraestrutura que empeza a contar o vindeiro 18 de agosto”, con este agasallo de Aznar, a  empresa ingresará até o 2048 máis de 4.000 millóns de euros.

O parlamentario do BNG recalcou que o Partido popular foi “incapaz” de desenvolver o autogoberno de aí que hoxe  demandemos “máis ferramentas para desenvolver as nosas capacidades para mellorar a xestión e a vida dos galegos e galegas”.

O nacionalista suxeriu ao PP pasarlle ao senador Núñez Feixóo,  a lista das transferencias que reclama o BNG porque despois de 14 anos en branco é o momento de darlle o finiquito a un goberno que non fixo nada por incrementar o autogoberno.

Finalmente, Luís Bará propuxo “un compromiso para defender as transferencias de 20 competencias”, que se informe ao Parlamento de todos os trámites da Comisión Mixta, Xunta-Estado e que se defenda “a inclusión de Galiza en organismos do Estado como o Banco de España,  Aena ou a comisión do Mercado de Valores”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG