O BNG solicita á Comisión Europea que, como Executivo da UE, adopte medidas para evitar que o rescate de entidades financeiras, como NCG Banco, afecte aos dereitos dos traballadores, ademais de estar vinculados drásticos recortes de emprego. A intervención supón socializar as perdas con cargo a todos os cidadáns e reducións nas plantillas que deixan sen traballo a centos de persoas con poucas posibilidades de encontrar alternativas nunha situación de grave crise económica.
Desde o punto de vista laboral, tanto a normativa europea como a estatal establece o dereito dos cidadáns da UE á negociación colectiva, que corre o risco "de ser papel mollado", denuncia Miranda, "tendo en conta que Comisión, Banco Central e Goberno español pretenden que os recortes de persoal se aproben a través dos plans de recapitalización, ao marxe dos representantes dos traballadores, o que deixa sen efecto o dereito de negociación colectiva".
"Destinamos recursos públicos para rescatar entidades financeiras que supoñen despidos masivos, sen que os representantes dos traballadores que quedan no paro podan ter un papel efectivo nas condicións deses drásticos axustes de plantilla", denuncia a eurodeputada.
Neste sentido, o BNG saliente que a sociedade está pagando rescates bancarios con cartos públicos, rescates que conlevan a supresión de centos de empregos.
Miranda denuncia que o dereito á negociación colectiva queda en "papel mollado" nas entidades financeiras intervidas con fondos públicos
"E todo iso no medio da indignación social que supuxeron as indemnizacións millonarias a ex-directivos, toda vez que o Estado español non adoptou en tempo e forma a normativa europea que establecía restricións salariais para os altos cargos das entidades intervidas, como xa teñen denunciado as organizacións sindicais", explica a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, na iniciativa parlamentar remitida ao comisario da Competencia, Joaquín Almunia.
O BNG volve a denunciar a estafa das preferentes que afecta a 70.000 galegos, segundo as cifras facilitadas polas plataformas de afectados, e insta de novo á Comisión Europea adoptar medidas para que os aforradores recuperen o 100% dos seus depósitos.