A portavoz de Sanidade, Montse Prado, trasladou ao Parlamento a situación de abandono das 70 persoas dependentes que quedaron sen servizo de axuda no fogar no Concello de Forcarei, ademais de 14 traballadoras que acumulan salarios impagados e están no paro, uns feitos gravísimos do que responsabilizou ao Goberno municipal e á Xunta.
“Estamos ante unha actuación combinada do concello de Forcarei e da Xunta, pola que se deixa á veciñanza deste municipio do rural sen un servizo básico que afecta a persoas dependentes que están soas”, indicou Prado, quen tamén sacou no debate na Comisión de Sanidade e Asuntos Sociais a situación das traballadoras que viñan prestando este servizo básico.
En 2016 o concello permitiu que a empresa adxudicataria abandonase o servizo cunha situación de débedas as traballadores, á Seguridade Social e a Facenda “sen que iso tivese ningún tipo de penalización por parte do goberno local, ao contrario, mesmo se lle perdoou a fianza depositada”. Meses despois o servizo foi adxudicado a unha segunda empresa que subrogou o cadro de persoal e unhas débedas que fixeron inviable o contrato, que pediu abandonar en 2018 xa en situación de quebra técnica.
Esta problemática arranca no 2016, cando se permitiu ao xerente de Servizos Sociais á Comunidade SL, Nonito Crespo, marchar sen cumprir o contrato, con débedas ás traballadoras e sen unha soa penalización a través do prego de contratación. Permitiuse así mesmo que marchara coa fianza do 5% sobre o valor total do contrato deixando débedas con traballadoras e seguridade social.
Pese ás consecuencias, “o concello seguiu sen facer nada nin a favor das traballadoras nin das persoas usuarias e sacan un prego de condicións sen advertir da situación de endebedamento co cadro de persoal, Seguridade social e Facenda, o que supón unha chantaxe á empresa”.
Ante esta situación, Prado denuncia “unha complicidade necesaria da Xunta pois ten obriga de facer inspeccións e determinar que o servizo se presta con calidade e seguindo un protocolo. É evidente que nin se fixo ese labor de inspección nin se lle esixiu ao concello que o fixera”, denunciou Prado.
Neste contexto, “70 persoas nun concello do rural como Forcarei que estaban recibindo a prestación de axuda no fogar quedaron abandonadas nunha situación moi complicada, porque teñen un alto grado de dependencia e moitas delas está soas”, salientou a deputada ante o director xeral de Maiores e Persoas con discapacidade, Idelfonso de la Campa.
Prado tamén criticou á Xunta pola modificación “express” da programación de individual de atención, que se traduciu no feito de que as persoas usuarias do servizo que antes pagaban un máximo de 200 € “se queren ter a mesma prestación agora pasan a pagar 700 euros o que na práctica significa condenar a maior parte destas persoas a non ter o servizo posto que non poden pagalo, pese a que se trata dun servizo imprescindible dada a súa condición de dependencia e do feito de que moitas delas viven soas”, explicou.
Lavarlle a cara á alcaldesa
A deputada lamentou a falta de concreción e de solucións por parte da Xunta para as persoas afectadas, así como a falta de claridade na información, de feito, De la Campa nin concretou se o concello e Forcarei recibiu a dispensa de non prestar o servizo, “pese a ser a súa obrigación”.
“Faltou control por parte de inspección que non detectaron nin as débedas nin ningunha outra irregularidade, pese a ter obriga de pedir a documentación laboral, algo que non fixeron ou non quixeron facer para salvarlle a cara á alcaldesa”, denunciou Prado.
“Solucionen o problema, que que vai pasar con esas persoas cun problema de dependencia que hoxe están sen servizo pois a alternativa que ofrece a Xunta non poden pagala, que solución lle ofrecen a esas persoas e as traballadoras que están no paro con impagos?”, interpelou a deputada sen obter unha resposta concreta por parte do director xeral de Maiores.